Elección da executiva nacional

Yolanda Díaz manifesta que “a responsabilidade de Esquerda Unida nesta nova etapa política pasa por artellarmos unha ferramenta de loita quen de parar as políticas da dereita”. A nova executiva nacional de Esquerda Unida está composta por nove persoas ás que se suman as responsables das secretarías das áreas de traballo. Trátase dun órgano que combina experiencia e renovación, cuxa responsabilidade primeira, como aseverou a coordinadora nacional, Yolanda Díaz, é a de “facer de Esquerda Unida un dos piares fundamentais para a construción do bloque alternativo quen de facer confluír a todas as forzas da esquerda transformadora no proxecto de non só parar as políticas destrutivas da dereita encabezada por Feijóo, senón tamén a de construír a alternativa política”. Neste sentido, cobra especial relevancia o rol de Esquerda Unida para facer que AGE sexa esa alternativa, solidificada e ampliada a quen comparta dito proxecto.

Unha das tarefas inmediatas que acordou o Consello Político Nacional foi a de organizar unha Conferencia Galega de Debate sobre o “Modelo de construción europea”, que se desenvolverá durante o 15 de xuño de 2013 en Compostela.

Así mesmo, o CPN aprobou por unanimidade unha resolución en contra do informe da Comisión de Expertos sobre a modificación das pensións. Unha resolución en que Esquerda Unida defende a integridade do sistema público de pensións fronte aos ataques neoliberais do PP (adxuntamos resolución).

 

Finalmente, o CPN apoia e traballará para que a xornada de folga xeral na Comarca de Ferrol do día 12 de xuño sexa un éxito, ao igual que as mobilizacións previstas pola Plataforma Galega en Defensa do Dereito ao Aborto os días 12 de xuño ás 12h ante o Parlamento de Galicia e a gran manifestación nacional do día 16 de xuño ás 17h en Compostela.

Relacionados