Alternativa Galega de Esquerda, a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, denuncia que a nova orde de elección dos directores das escolas pública só procura “converter os centros docentes en sucursais do Goberno de Núñez Feijóo”. “Esta norma abre a porta a que a Consellaría de Educación nomee os directores a dedo”, critican, “cando antes o facía un Consello Escolar con representación de alumnos, pais, profesores e tamén a propia Administración”. Coa orde emanada dunha aplicación de máximos da nefasta LOMCE de Wert, a Xunta do PP resérvase a maioría absoluta dos representantes na comisión de selección encargada de designar os directores dos colexios públicos. Estes órganos, en que a consellaría terá catro dos sete postos –tres dos cinco nos centros pequenos- valora os proxectos de dirección presentados e avalía os aspirantes.
A medida realízase sen negociar nin ter en conta a ningún dos actores do sistema educativo público. “Aténtase contra o funcionamento democrático dos centros educativos”, afirman os parlamentarios na argumentación da proposición non de lei rexistrada hoxe, “introdúcense elementos subxectivos excesivos e mesmo se eliminan requisitos como o mínimo dun ano de traballo docente en Galiza”. Alternativa Galega de Esquerda esixe a retirada do proxecto de orde para o nomeamento de directores dos centros educativos públicos e a apertura dun proceso democrático de escolla dos gobernos escolares en que participe toda a comunidade.







