Eleccións ao reitorado

 

Esquerda Unida rexeita o modelo electoral das Universidades Públicas. Así os seus estudantes ven limitada a súa capacidade de actuación nestas eleccións por mor do mínimo do 51% que a Lei Orgánica de Universidades outorga ao profesorado permanente. Sen ánimo de determinar aquí cal sería a ponderación entre grupos máis axeitada, o que resulta do modelo electoral da UDC é o papel minoritario que a meirande parte da comunidade universitaria está chamado a cumprir.

 

O consello comarcal de EU Coruña denuncia que a ponderación do voto do alumnado nas eleccións a reitor só e de un 28% sobre o total.

 

Esquerda Unida quere chamar a atención sobre unha situación que parece ir a peor. As descaradas intencións antidemocráticas expresadas tanto pola “Fundación Coñecemento e Desenvolvemento” (que preside Ana Patricia Botín) como pola “Conferencia de Reitores das Universidades Españolas” pretenden eliminar todo grado de participación non xa do alumnado, senón incluso do profesorado, e comezar un camiño de dirección externa da universidade.

 

O responsábel da Area de mocidade de EU Coruña, Jorge Crego, indicou que “a apatía do colectivo estudantil universitario deriva da escasa capacidade de decisión por parte dos mesmos. A integración da vontade do alumnado nas decisión sobre o conxunto da universidade facilitaría unha maior participación”.

 

A Mocidade de Esquerda Unida rexeita un modelo de universidade privatizador, mercantilizador, antidemocrático e tendente á dirección externa de tipo empresarial. Por todo isto, oponse ao discurso “despolitizador” da meirande parte de candidatos a Reitor.

 

A comunidade universitaria ten que ser quen de desvencellarse dos intereses particulares que a lastran e loitar por un modelo público, de calidade e independente. Isto só se acadará apostando por un modelo político de Universidade concreto no que a participación política de todas as persoas vinculadas á Universidade garantan a defensa desta Institución.

 

Relacionados