Elviña referencia mundial

Esquerda Unida insta a Concello, Xunta, Deputación e Universidade a asinar un convenio de colaboración para desenvolver un plan integral de rehabilitación para Elviña, logo de constatar a absoluta e alarmante falta de coordinación entre estes entes públicos que está a provocar que unha zona que amosa excelentes posibilidades parase converter nun punto de alto interese cultural a nivel mundial, atópese como exemplo de desidia e mal facer da administración. Tal é o punto de descoordinación administrativo que nótase con claridade a diferencia, tanto de mantemento como de tipo de infraestruturas e equipamento, cada lado da estrada principal xestionado por distintos entes públicos. Non podemos permitir que a zona de acceso ao Castro de Elviña se atope en estado terceiromundista con estradas cheas de baches e falta de sinalización viaria.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta por recuperar o núcleo rural de San Vicente de Elviña mediante criterios de bioconstrución e transformar os múltiples espazos naturais infrautilizados en hortas urbanas ecolóxicas autoxestionadas. A Coruña ten un tesouro que pola desidia dos distintos gobernos municipais non está a xerar riqueza a cidade, pois a rehabilitación con criterios de construcción ecolóxica de San Vicente de Elviña permitiría recuperar unha aldea rural tradicional galega do século XVIII coas tradicionais casas de pedra de grande valor arquitectónico a escasos metros de zona urbana. Si a esta actuación engadimos a recuperación das estradas que conectan co Castro de Elviña, a preparación de rutas de sendeirismo (até existe un camiño real, e unha posible zona do camiño de Santiago) e a utilización das fincas que na actualidade se atopan cheas de maleza, moitas expropiadas pola universidade pero que durante anos non se fará uso delas, como hortas urbanas ecolóxicas autoxestionadas, crearase un oasis no deserto do formigón da nosa cidade, un conxunto arquitectónico cultural e ecolóxico de relevancia mundial.

Neste sentido, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apostamos por transformar Elviña nunha zona de grande valor artístico, cultural e ecolóxico para outorgarlle ao o castro de Elviña o valor engadido que necesita para converterse nun punto de referencia mundial do ecoturismo”. Semella fundamental aproveitar as sinerxías entre o magnifico xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña que dispón dunha escavación exemplar, o núcleo rural e todo o paraxe natural da contorna. Xa que logo, demandamos ao goberno municipal que traballe con dilixencia nesta actuación pois o Ministerio de Fomento está pendente de aboar as cantidades pendentes do convenio cando o concello xustifique a inversión.

Relacionados