Así, durante o mandato corporativo anterior demandou en repetidas ocasións que había que subir o prezo do custo da auga aos concellos limítrofes, isto é ás persoas usuarias do servizo nesas localidades. O actual alcalde chegou a afirmar no Pleno que se estaba a sangrar a nosa veciñanza polas diferenzas no prezo de custo na súa intervención no mandato anterior, e en este setembro o Voceiro deste Goberno Municipal sinalaba unha vez máis o “agravio comparativo moi negativo”.
Esquerda Unida quere manifestar que descoñece calquera acción municipal nos seis meses transcorridos dende setembro, mes no que se aprobou o expediente de modificación dos convenios cos concellos, en orde a mudar a situación sobre Emafesa e a revisión dos prezos. Preguntámoslle ao Goberno que conversas e avances houbo neste medio ano, porque adoita este goberno a vender fume e entrevistas sen contido e sobre o tema do auga hai un preocupante silencio, silencio que non deixa en boa lugar á coherencia do actual equipo de goberno en relación co balbordo montado sobre este tema no mandato anterior.
A fundamentación para mudar os convenios asinados cos concellos limítrofes vén da propia empresa concesionaria do servizo, que traballa “pro domo sua”, co beneplácito deste Goberno, sempre atento e obsequioso coas grandes empresas privadas privadas que fan negocio a nosa costa. Fundamentación que se basea na baixa na consumo de auga en alta e pola revisión do convenio da plantilla, cuestións ambalasdúas que nós non podemos deixar de saúdar: que haxa un meirande consumo responsable e que a plantilla teña un convenio colectivo non poden deixar de ser motivos que nos alegran por moito que desguste á empresa concesionaria, atenta somentes a súa conta de resultados.
Esquerda Unida quere avanzar que a reiteración dos presuntos déficits presentados pola empresa concesionaria e que o prego de concesión obriga a cubrir polo concello semella inxusto e insostenible. Chegou o momento de comezar o proceso de remunicipalización do servizo de abastecemento de augas, que a nosa organización vén sostendo ao longo destes últimos anos, como un elemento clave para que a xestión do auga arroxe beneficios sociais en materia de prezos e lecturas do contador, en materia de renovación das canalizacións, en materia de participación cidadá, e nunha aposta decidida polo consumo responsable.
Doutra banda, Esquerda Unida pregúntalle ao Goberno que estimacións fai do custo que está a ter o canon do auga imposto pola Xunta de Galicia nos recibos da nosa veciñanza. Esquerda Unida que desenvolveu unha campaña en contra do carácter recadatorio e mercantilizador desta norma solicitara xa o ano pasado unha xuntanza monográfica no concello para abordar esta cuestión. Hoxe, co canon en vigor, reclamamos do Goberno Municipal a información acerca do que está a custarnos ás veciñas e veciños deste concello.