En defensa da ensinanza artística

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2013.- O Partido Popular négase á integración das ensinanzas artísticas superiores no sistema universitario. Así quedou de manifesto onte, na comisión 4ª do Parlamento, cando a dereita votou en contra dunha proposición non de lei (pnl) de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para que os centros de ensino artístico se adscriban á universidade e que “nun prazo razoábel de tempo se dea a integración plena”. Segundo o deputado de Alternativa, Ramón Vázquez, esta mudanza na ordenación dos estudos resulta urxente “para non asistir a un deterioro das ensinanzas artísticas inadmisible para o alumnado”.

AGE elaborou a súa iniciativa de acordo coas reivindicacións da Plataforma en Defensa das Ensinanzas Artísticas, que agrupa escolas de música, de danza ou de artes dramáticas. Vázquez denuncia que o actual sistema, en que os títulos superiores de ensino artístico non universitario expedidos en Galicia non serven en Europa, tampouco permite aos alumnos continuar estudos a través de cursos de grao ou de posgrao. “Numerosas sentenzas do Tribunal Supremo”, explica Vázquez na argumentación da pnl, “fan que sexa necesaria e urxente a transformación dos estudos artísticos superiores en ensinanzas de grao e posgrao”.

Non existen, ademais, trabas xurídico-legais para efectuar estes cambios, xa que a Lei Orgánica de Educación e mesmo a futura LOMCE permiten ás comunidades autónomas organizar estas modalidades do ensino superior. “Por iso hai que dar xa este paso”, engade o deputado Ramón Vázquez, “con claridade e determinación e contando coa participación de toda a comunidade educativa”.

 

Relacionados