En defensa do sector naval

Hoxe Esquerda Unida presentou no congreso dos deputados unha serie de preguntas sobre cómo pensa actuar o goberno central con respecto ao desastre que está a padecer o sector naval en todo o estado. Tras a concesión de axudas a través do tax lease declarado ilegal pola Unión Europea, o sector naval está condeado á devolución íntegra das mesmas o que supón preto de 2.800 millóns de euros concedidos en axudas fiscais ou dito doutro xeito, o peche dos asteleiros.

A executiva nacional de Esquerda Unida manifesta que a devolución das axudas do tax lease, conlevaría á morte do sector naval co peche dos asteleiros privados de Galicia, País Vasco e Asturias. Dende Esquerda Unida denunciamos o trato discriminatorio que o noso sector naval está a padecer con respecto por exemplo a Francia, onde o caso dun expediente similar foi eximido de devolver as axudas por aplicación do principio de seguridade xurídica ao aplicarse a orde de devolución a partir da decisión europea e non a partires da apertura do expediente. Se esto se aplicase en España, tampouco se tería que devolver ningún euro, xa que o expediente é de 2011 e as axudas foron entre 2005 e 2011.

Dende Esquerda Unida esiximos que se empregue o mesmo criterio entre os países afectados por este sistema de financiación e de non ser así, preguntámonos se o goberno español que, no seu momento deu a aprobación destas axudas, ten previsto facer frente á responsabilidade subsidiaria en caso de que a Comisión Europea esixa finalmente a devolución das axudas. Estamos a falar do futuro de máis de 78.000 postos de traballo en todo o estado que en Galicia supón máis de 3.000 empregos directos.

 

Yolanda Díaz lamenta que “a falta dun sistema europeo que regule a financiación da construción naval, está a provocar unha guerra comercial entre os membros da UE”. Esquerda Unida vén de esixir ao goberno central que actúe en consecuencia, e que plantexe uns sistema uniforme de financiación que evite esta guerra comercial europea que vai en beneficio dos asteleiros asiáticos, principalmente chinos e coreanos.

Relacionados