Nestes días unha pantasma revolucionaria percorre o mundo árabe, cuxas verdadeiras imaxes aínda non somos quen de comprender en Occidente. O que chegan son unha masa (des)informativa de relatos (dis)torsionados polos medios de persuasión que, ao mesmo tempo, silencian a vaga de rebeldía e protestas de Wisconsin, Ohio e Indiana nos democráticos EE.UU. No fondo, quérese asentar que a insurrección do mundo árabe obedece ao desexo de instalar a “nosa” democracia. Pobres ignorantes que somos!
Desde o noso repugnante etnocentrismo, crémonos centro do mundo. Como se todo se tivese que amoldar conceptualmente ao noso modo de ver/entender/interpretar a relación ser humano cos outros seres humanos e coa Nai-terra. E somos incapaces de escoitar aos demais.
Os nosos (des)gobernadores, as oligarquías e os donos das fortunas saben moi ben que para exercer esa superioridade hai que ser falsos e hipócritas. Convencer das boas intencións, mentres se negocia e mercadea: “toma este diñeiro e controla as fronteiras, fai o que teñas que facer, pero que non veñan a Europa”, así imaxino os acordos en materia migratoria.
O discurso “democrático” occidental camiña da man de accións diplomáticas de “cooperación” co fin primeiro de garantir o abastecemento de petróleo. Ignorando o teito do petróleo. Ignorando que temos que deseñar outro modo de vida, outra forma de producir e traballar.
Todo é tan falso que os mesmos que “comerciaron”, “cooperaron”, “negociaron” cos Ben Alí (e agora con Ganouchi, que reprime con disparos aos manifestantes que non queren unha transición-farsa para que todo siga igual en Túnez), Mubarak, Gadafi, etc, son os que falan de respectar os Dereitos Humanos. Pero, alguén pode ignorar as amizades do Rei e do Goberno español con Marrocos? Ou con Israel? Acaso non sabiamos xa que o goberno español vende armas, entre outros, a Marrocos e a Libia?
Desde os inicios do século XXI os que traballamos coas persoas migrantes denunciamos de forma constante as prácticas de Europa en materia de “cooperación” migratoria. Cantas almas migrantes “capturadas” en Italia foron lanzadas a Libia con impunidade e secretismo? Cantas foron lanzadas desde España a países do norte de África? Cantas penurias máis teñen que pasar os pobos saharauis e palestino? Cantos mortos tragou o Mar Mediterráneo debido aos nosos muros e valos? Canta fame provocou a política neoliberal? Cantos mortos ao longo destas décadas?
As persoas nunca foron, nunca son, as que importan nesta farsa da “cooperación”: na ecuación da nosa “democracia” o que importa é o petróleo e a rendibilidade económica. Por iso, nada hai máis “vomitivo” que escoitar discursos pro DD.HH. en boca de quen os vulnera día a día e permitiu vulneralos por conveniencia económica.
Por iso, mesmo ofende escoitar, a quen non sabe “pacificar” a súa propia casa, como ergue a voz para dar consellos. Por exemplo, Obama, en vez de aconsellar a certos mandatarios de países árabes a “que se vaian”, debería atender ao que fan os gobernadores estatais de Wisconsin ou de Arizona, e preocuparse de que non atenten contra os DD.HH. nin desfagan de forma definitiva as políticas públicas dos Estados Unidos.
Debemos erguer a bandeira da solidariedade para coas persoas que deciden escapar de escenarios violentos. Pero non. Mesmo algún titular de xornal esta semana ousou acusar ás persoas migrantes de causar unha crise. Vergoñento! Esta nosa sociedade é quen de emocionarse co relato dunha persoa “española” que retorna do “inferno”, onde pensou “que podía morrer”, pero logo, acto seguido, atrancamos as fronteiras para que non veñan a Occidente as persoas orixinarias que queren escapar dese mesmo “inferno”, dese mesmo medo á “morte”.
Non entro na comparación dos diferentes procesos insurrecionarios (Arxelia, Túnez, Iemen, Exipto, Libia, Barein…). A súa natureza pode ser diversa e, como amosa o xornalista Maurizio Matteuzzi de Il Manifesto, no tocante a Libia déuse no primeiro día unha deliberada campaña de desinformación masiva. O que si coidamos revelador é o carácter panárabe, popular, e contrario á inxerencia de Occidente. Queren un camiño propio.
Por iso, a falta de máis datos, tampouco enxuízaremos aos pobos. Simplemente, amosamos a nosa solidariedade cos pobos árabes á hora de asentar os seus propios procesos de conformación identitaria e social e os seus propios modos de goberno.
Os escenarios futuros son imprevisibles debido, precisamente, á ausencia dun desexo real por parte das potencias occidentais de entender ao mundo árabe. E, como o único que interesa ás nosas “democracias” é garantir o abastecemento de petróleo e a rendibilidade económica, na configuración deses escenarios adquiren relevancia os posicionamentos das potencias occidentais. Admitirán que os países árabes camiñen de forma independente e contraria ao sistema de chantaxe mercantil, de espolio de recursos primarios, da imposición paterno-colonialista actuais? Isto é, permitirán as potencias occidentais que se orixinen procesos de emancipación do sistema capitalista no mundo árabe?
Eis, como pobos de Europa, o que cómpre impedir: a inxerencia militar das potencias occidentais nos procesos insurreccionais árabes. Os voitres sobrevoan Libia, pero se o permitimos, Libia pode converterse no novo Iraq.