eu-axuntanza2.gif - 21.81 Kb

Encontro EU coa A.VV. “A Xuntanza”

 

Encontro enmarcado dentro do programa de visitas ao tecido do movemento asociativo e veciñal de Compostela, co fin non só de pulsar as distintas opinións sobre a situación da cidade, e coñecer de primeira man as súas eivas e tamén as posibles solucións, senón tamén de facelos partícipes na conformación do programa político e social de cara ás vindeiras eleccións municipais.

 

Durante a reunión os directivos e directivas da asociación manifestaron as súas queixas pola deficiente maneira de levar a cabo o Concello as distintas xestións do proxecto Urbana Norte, crítica que Esquerda Unida Compostela comparte tanto pola deficiente e escasa información que da o equipo de goberno como pola reticencias, unha vez máis, de facer real e efectiva a participación cidadá neste proxecto.

 

Un dos principais temas abordados neste encontro foron os problemas de mobilidade, que van máis aló dun problema de tráfico, as súas consecuencias e a búsqueda de solucións. A Xuntanza expuxo que calquera actuación que se realice neste ámbito, ten que estar enmarcada na realización dun Plan de Mobilidade global que axude a atopar medidas concretas e efectivas, e non o continuísmo da política de meros parches por barrios.

 

EU Compostela concorda completamente con esta proposta, incidindo, unha vez máis, que calquera plan de mobilidade sostible economica e medioambientalmente ten que ter como premisa indiscutible a redución do tráfico rodado na cidade amais de integrar un plan director da bici, un estudo da accesibilidade, unha planificación do transporte público en todas as súas variables, e, por suposto, debe realizarse contando coa participación dos veciños e veciñas de todos os barrios de Compostela.

Relacionados