embalsecaldasmayo2011-1.jpg - 11.70 Kb

Encoro Caldas de Reis

 

En Caldas de Reis e a comarca do Salnés sufrimos desde o 2006 episodios de contaminación por microcistina, toxina natural moi potente producida por distintas especies de cianobacterias, entre elas as do xénero Microcystis, como as que crecen no encoro da Baxe no río Umia ao seu paso por Caldas de Reis. O río Umia abastece a unha poboación de 100.000 persoas (desde Caldas de Reis ata Cambados) e desemboca na Ría de Arousa, zona de gran produción marisqueira.


A proliferación desta cianobacteria chega a tal punto que a auga se tingue completamente de verde e provoca que en ocasións, ante a incapacidade de garantir a calidade da auga, a Estación de Tratamento de Auga Potable de Caldas teña que ser abastecida mediante transvasamento de auga do sistema de abastecemento de Vilagarcía de Arousa.
Este problema repítese cíclicamente na tempada seca, pero este ano, debido ás condicións climatolóxicas adiantouse, resultando diso que xa no mes de maio a auga do encoro estea completamente saturada de microalgas.


É sabido que a proliferación de microcystis débese á existencia do encoro da Central Hidroeléctrica Cortizo, negocio privado de nula utilidade pública ou social que foi no seu momento declarada ilegal polo Tribunal Supremo.
A Declaración de Impacto Ambiental que permitiu a construción do encoro do Umia foi copiada literalmente dun proxecto para Huelva, ata o punto de que non se cambiaron algúns topónimos (como Póboa de Guzmán ou Río Guadina) e de que no informe considérase o lince ibérico un animal existente na zona.


Esquerda Unida consideramos que ante esta situación de perigo para a saúde pública, débense adoptar as medidas necesarias para pór fin a este problema.


Tendo en conta que a preservación da saúde pública debe prevalecer sobre calquera interese económico, máis aínda sendo este privado e que o problema da microcystina é derivado da existencia do encoro, consideramos que é inescusable a súa demolición de maneira que a auga poida circular libremente desaparecendo así o problema.

Por este motivo, Esquerda Unida a través do Grupo Parlamentario de IU no Congreso dos Deputados presentou ao Goberno Xeral do Estado as seguintes preguntas:


1. Ten coñecemento o goberno do problema da contaminación por microcystina na auga de abastecemento público de Caldas de Reis?

2. Considera o goberno aceptable que persista esta situación de risco para a saúde pública?.
3. Esixirá o Goberno a demolición do encoro da Baxe, causante da contaminación por microcystina?.
4. iniciou o Goberno algunha outra xestión para pór fin a este problema

Relacionados