Enlaces III Rolda e mobilidade

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “non cabe dúbida que a inauguración das conexións da terceira rolda son unha boa noticia e aliviará a caótica situación de tráfico que vivimos na nosa cidade, máis non resolverá o problema porque a solución no pasa pola mera ampliación das infraestructuras senón que é necesario promover a redución de vehículos privados a motor mediante a promoción de medios de transporte público colectivo a curto e medio prazo e, a longo prazo, a través da concienciación cidadá e a promoción doutros hábitos de vida ligados a mobilidade sustentábel”. A realidade demostra que a ampliación das infraestructuras trae consigo o inmediato aumento de vehículos en circulación, como sucede nas grandes urbes americanas, e, xa que logo, incrementar os problemas medio ambientais, de saúde, ou de ruído, asemade de converter a cidade nunha urbe aínda máis dependente do petróleo, precisamente agora que sabemos da certeza do cénit do petróleo e a consecuente crise enerxética en cernes.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lembra que estes accesos absorberán 10.000 automóbiles pero que polas vías de entrada da nosa cidade circulan diariamente 200.000 vehículos aproximadamente, situación que pon en valor a necesidade de desenvolver un Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS) realizado mediante participación cidadá, involucrando ao tecido veciñal, colexios técnicos, organizacións ecoloxistas e partidos políticos, que permita reducir a utilización de vehículos, a través dun transporte público amplo, eficaz e económico como levamos a demandar dende fai anos, pero que o goberno municipal está a dar largas.

 

Esquerda unida considera que os aparcadoiros disuasorios son a única maneira eficaz de desconxestionar as entradas da Coruña. Por iso propoñemos situalos nas principais entradas da cidade como: Alfonso Molina a altura do Ofimático, Ada. das Xubias, Avda. de Arteixo, e III rolda a altura de Penamoa. Os ditos aparcadoiros deben estar conectados con buses lanzadeiras co centro e os puntos neurálxicos da cidade como polígonos industrias, hospitais e universidade. Non cabe dúbida que a devandita proposta, ademais de evitar o colapso na entrada, permitiría aliviar significativamente o tráfico no interior da cidade, mellorando a mobilidade e reducindo a pegada ecolóxica, a dependenza do petróleo, as emisións de CO2, a contaminación, os ruídos e o estres o que conseguintemente mellorará a calidade de vida da cidadanía. Este tipo de iniciativas están a funcionar dende fai anos e de maneira moi satisfactoria en cidades como Bilbao onde evitase que miles de coches entren ao centro urbano cada día.

Relacionados