Enquisa Poboación Activa

Esquerda Unida tacha ao goberno municipal inoperante en materia económica e esixe medidas diante da destrución de emprego. Un executivo que está a esquecer as diferentes necesidades do tecido produtivo local o que está a provocar que na actualidade e por primeira vez dende que hai serie histórica o emprego na Coruña baixe por debaixo dos 100.000 postos de traballo, concretamente 98.400. Unha situación que fai que a cidade deixe de ser a cidade galega coa taxa de desemprego máis baixa para poñerse por detrás de Lugo e equiparada con Santiago cun índice de desemprego do 18,9%, o que supón un incremento do desemprego de catro puntos no último ano.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón un paquete de medidas de estímulo proporcionáis á contratación para PEME, autónomos e cooperativas así como a creación do Servizo Integral de Apoio a Emprendedores (SIAME). Ferramenta efectiva para autónomos, PEME e cooperativas, xa que pretende cubrir as necesidades básicas ás que se enfrontan os emprendedores, para que poidan centrar o seu esforzo na súa actividade produtiva. Así, mediante unha taxa que cubra custos de xestión o Concello xestionaría mediante recursos propios e convenios con empresas locais a prestación de servizos administrativos, de asesoramento contable, laboral ou tributario, das TIC (informáticos e comunicacións), de loxística, de apoio a innovación así como as propias oficinas administrativas.

Asemade destaca a proposta de que EMVSA xestione un banco de aluguer de locais a prezo xusto, para liberar aos propietarios de toda carga de xestión, ademais de cubrir os posibles impagos dos arrendados e co compromiso de, unha vez rematado o contrato, devolver o local en igual o mellores condicións a cando se entregou. Esta medida evitaría que a cidade sega a converterse un deserto improdutivo cheo de locais baleiros, permitindo unha mellor adaptación dos locais. Medida que se complementaría a aplicación de estímulos económicos destinados a que os comerciantes poidan competir coas grandes superficies en contías proporcionais aos postos de traballo xerados, o compromiso na promoción de produtos locais e a redución de prezos de produtos e servizos á veciñanza para estimular a demanda en xerar riqueza local.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a actuación do Goberno local semella máis guiada pola necesidade de darlle unha saída ao stock de ladrillo que teñen as empresas amigas que nun interese efectivo por superar as dificultades da cidadanía. Ladrillo, festexos e propaganda pero ningunha medida de estímulo real para os que non son amigos ou grandes empresas”.

Relacionados