Ensino público: 3 millóns para Opus Dei

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, veñen de denunciar as innúmeras pedras que o Partido Popular está a colocar no camiños do acceso a unha educación pública e de calidade de todas as galegas e galegos. “Este curso as familias terán aínda máis dificultades para exerceren o seu dereito á educación”, expoñen Vázquez e Ron, “debido aos insoportábeis recortes que o PP aplica ao ensino público”. O curso 2013-2014, que comeza mañá para os escolares de Infantil e Primaria, será, lembran, o de maior número de alumnos matriculados na escola pública.

Mais a esa circunstancia –o aumento de matrícula- é preciso engadirlle que a Xunta do señor Núñez pechou 15 centros e eliminou 57 aulas dos sistema público. “Ao mesmo tempo”, sinalan os parlamentarios de AGE, “concertan 40 novas unidades e 18 novos ciclos formativos en colexios privados”. No sistema público, segundo datos do Ministerio de Educación, a máis alumnado correspóndenlle 403 mestres ,menos que no pasado curso. No ensino concertado, a rebaixa é de 63 profesores. Velaquí os números:

http://www.educacion.gob.es/educabase/menu.do?type=pcaxis&path=/Educacion/Profesorado/Profesorado/2012-2013DA/CAPrv/RegGen&file=pcaxis&l=s0

As familias non sufrirán unicamente a redución de mestres. Para este anos, un 43% delas deberán pagar o comedor escolar dos fillos, nun contexto en que o gasto medio por alumno no inicio de curso é de 723 euros. A renda familiar media atópase en niveis de 2007. “Os recortes abafan o ensino público mentres a Xunta dedica tres millóns de euros a manter concertos con colexios que segregan por sexo e que responden á ideoloxía ultrarreaccionaria do Opus Dei”, critican, “ademais de incumprir a sentenza ao respecto do Tribunal Superior”. Que o señor Núñez beneficia aos seus amiguiños é claro, polo tanto, tamén no ámbito educativo. Fan diminuír as bolsas universitarias, endurecen os requisitos para acadalas, 7.000 persoas agardan praza na Formación Profesional, 5.000 cativos quedarán sen lugar nas escolas infantís públicas e, mentres, medran os cartos para o ensino privado. “Á dereita interésalle destruír o ensino público e niso se empeña con esforzo”, conclúen Vázquez e Ron, “e só a mobilización social permanente conseguirá detelos”.

Relacionados