En marzo deste ano aprobouse no Pleno do concello de Ferrol unha moción presentada polo noso Grupo Municipal que recollía entre outras medidas a constitución dunha comisión mixta que aborde a problemática dos desafiuzamentos co obxectivo de evitalos en diante.
Esa Comisión Municipal ten que cumprir unha laboura mediadora e de axuda para evitar os desafiuzamentos na cidade. A integrarían os grupos municipais e unha representación das entidades veciñais, e das sociais que traballan a problemática da exclusión social. A Comisión se encargará de presentar as alternativas precisas para evitar o drama social e familiar da perda dun fogar para as familias afectadas pola crise, garantindo en todo caso un realoxo da familia afectada. Na actual situación de crise e coas axudas públicas que lles entregamos aos bancos (100.000 millóns de euros en efectivo para sanear a especulación das entidades financeiras se consumiron ate finais de 2011, a maiores do avais públicos a esas entidades, que acadan un importe por valor do 25% do PIB) non semella xusto que poidan restar na rúa persoas e familias cando se amorean os pisos baleiros nos stocks das entidades financeiras socorridas con fondos públicos.
En relación con esta petición, Yolanda Díaz demandou tamén “un calendario crible, situado no primeiro trimestre do ano que vai entrar, para proceder a entregar as vivendas baleiras de Recimil”. Son tempos para levar adiante unha acción municipal eficaz e que evite a situación inaceptable de atoparnos familias na rúa, sen teito. Esquerda Unida entende necesario garantir que ás mais de cen familias baremadas como correctas por este Goberno Municipal poidan ocupar unha das vivendas baleiras.
A Voceira do Grupo Municipal demandou a consignación do creto necesario no vindeiro orzamento para proceder de inmediato ao arranxo das vivendas baleiras de xeito que se poidan habitar no espazo de tempo máis breve posible. Se o pretexto que empregou o Goberno este ano foi que había que habilitar as vivendas e non dispuña de cartos públicos (pretexto que nós denunciamos como falso, dado que nos movementos e reaxustes de partidas efectuados por este Goberno non se consignou un euro para tal finalidade), agora ten que consignar no novo orzamento unha partida suficiente para asumir unha acción social de primeira magnitude, a de garantir un teito digno a máis de cen familias ferrolás.