Entrega vivendas Recimil

 

As continuas demoras para facer efectivo este acordo do mandato anterior gravita pesadamente sobre as expectativas e necesidades de máis dun cento de familias. O noso Grupo pregúntase se o Goberno do PP ten algunha política para Recimil que non pase polas piquetas e derrubos.

 

“Non se debería xogar cun dereito e unha necesidade básica. Este acordo é unha herdanza do mandato anterior, impulsado a resultas dunha iniciativa de Esquerda Unida, e semella preciso executalo canto antes, dada a actual situación de moi grave crise social e económica,” subliña Yolanda Díaz.

 

Na provincia da Coruña, os datos económicos son elocuentes polo seu dramatismo e inxustiza: 795 lanzamentos, que case dobran os de 2008 e 2009 (474 e 483 respectivamente), sumando 604 casos nos tres primeiros trimestres do ano 2011. Datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, que dan a razón a esixencia de Esquerda Unida para arbitrar as medidas necesarias para que as vivendas de Recimil baleiras sexan entregadas coa máxima urxencia. Aquelas que requiran arranxos, a nosa organización demanda que estes se acometan de inmediato.

 

A nosa organización lembra que Patrimonio autorizou no remate de novembro pasado as intervencións formuladas polo Goberno do PP para poder entregar as vivendas, consistentes en obras menores (colocación de portas interiores, arranxos nas instlacións eléctricas e de fontanería, equipamento de coiñas, reparacións nos tabiques e teitos, pintados…). Esquerda Unida reclama un calendario crible para proceder a entrega dos pisos ás máis dun cento de familias cuxa baremación é a correcta.

 

Aprobados manu militari os orzamentos non cabe demorar nen un día máis a realización destas obras menores de xeito que neste primeiro trimestre do ano se conclúan e se entreguen.

 

Yolanda Díaz reclamará na vindeiras Comisións informativas de Benestar e Patrimonio que se fixe un calendario e se comprometa a entrega das vivendas para este primeiro trimestre do ano. Tempo abondo cando a entrega acumula máis dun ano de atrasos e existe unha fundada urxencia social.

 

Esquerda Unida reitera, doutra banda,  a necesidade de que se proceda a elaborar o Plan Sociocomunitario do barrio, de xeito que se desenvolva unha acción pública integral para a veciñanza do barrio. Demanda que a Voceira do Grupo Municipal puxo sobre a mesa na Comisión informativa de 11 de agosto. Daquela o Goberno escudárase nas vacacións do xefe do negociado para comezar a abordaxe desta cuestión. Queremos saber, sinala Yolanda Díaz, que pasos se teñen dado para avanzar na elaboración desta medida.

Relacionados