ERE Isolux enxeñería

Esquerda Unida denuncia que ISOLUX pretende aplicar un ERE salvaxe e inexplicable no que despedirá ao 70% do seu cadro de persoal e pon en perigo a escasa industria pesada coruñesa. O ERE presentado a negociación pola empresa supón a eliminación de 59 postos de traballo, pasando do 89 actuais a tan so 30 nos que se manteñen os postos directivos e as xefaturas, quedando tan so 18 postos de man de obra directa. Neste sentido cabe destacar o agravio comparativo para con Galiza e concretamente coa Coruña pois mentres aquí o ERE significa a redución do 70% do cadro de persoal, no conxunto do Estado so afecta ao 28% dos traballadores e traballadoras.

Asemade, o ERE resulta inexplicable, pois dende as oficinas coruñesas desenvolven tarefas de mantemento e apoio técnico a importantes empresas como Gas Natural Fenosa, Endesa, Alcoa ou Repsol en Santiago, Ferrol, A Coruña e As Pontes, neste sentido basta indicar que tan so para cubrir os contratos de mantemento de Gas Natural Fenosa e Endesa, necesítanse 31 traballadores, máis dos que a empresa disporá si se executa o ERE nas actuais condicións. Non cabe dúbida de que esta situación supón un duro golpe para a industria pesada non so de Coruña, senón de toda Galiza.

César Santiso, declarou que “unha vez máis unha grande empresa utiliza a contrareforma laboral do PP para despedir a prezo de saldo e precarizar os postos de traballo, pois temémonos que a empresa contratará aos propios traballadores despedidos con baixos salarios a través de empresas de emprego temporal e subcontratas”. Doutra maneira non se pode explicar a aplicación dun ERE por parte dunha empresa que prevé un incremento da súa cifra de negocio e uns beneficios de entre 20-30 millóns de euros. Un ERE froito dunha reforma laboral irracional que permite despedimentos cando existe previsión de crecemento empresarial por carga de traballo e por beneficio económico.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presentará unha moción consensuada co Comité de Empresa para que a corporación coruñesa apoie aos traballadores de ISOLUX ENXEÑERÍA e inste á empresa a recapacitar e negociar de boa fe cos representantes sindicais unha saída aceptable.

Relacionados