Erróneas medidas anticrise

 

Coas medidas que aprobará o Consello de Ministros, o Goberno atende as peticións que lle ven facendo o PP dende hai tempo. PSOE e PP comparten as medidas que se aplican, presentándoas como “necesarias e inevitables”. Din ademais que os custos da crise “se reparten solidariamente”.

 

Non obstante, o goberno do PSOE está pregado ás esixencias do capital financeiro. Vivimos claramente baixo unha ditadura financeira que vai a por todas: a polos servizos públicos, a polas pensións e a polas Caixas de Aforro.

 

Din que non hai outras solucións, e Esquerda Unida entregou 100 propostas ao Presidente do Goberno hai máis dun ano, que foron discutidas nas reunións de Zurbano co Goberno. Non obstante:

 

1) As medidas do Goberno fan pagar a crise aos de sempre, aos traballadores, aos empregados públicos, aos mozos e ás mulleres. Non hai nin unha soa medida para que paguen os poderosos, que son os que xeraron a crise.

 

2) Hai outra forma de combater o déficit. Pódense aumentar os ingresos do Estado facendo pagar aos que máis teñen. Resulta indignante que haxa que conxelar as pensións mentres un alto directivo da Banca vaise xubilar con 87 millóns de euros de pensión. Non é aceptable, e EU non o vai aceptar, que se reduza o salario aos empregados públicos (moitos deles mileuristas) mentres en moitas institucións, empresas públicas e outros organismos hai salarios que multiplican por varios enteiros o do Presidente do Goberno. É escandaloso que os executivos das grandes empresas que cotizan no IBEX 35 teñan unhas retribucións que son 17 veces o salario medio dos empregados desas empresas.

 

3) De forma urxente, pódese restaurar o Imposto do Patrimonio, que perdoou máis de 2.200 millóns aos máis ricos. Pódense facer aflorar para que entren no circuíto do consumo e paguen os seus impostos as decenas de millóns de billetes de 500 euros; que están escondidos e son diñeiro negro. Pódese facer tributar aos grandes millonarios por cuxas sociedades patrimoniais de investimento só pagan o 1%.

 

4) Estamos nunha actitude construtiva, malia todo para axudar á saída da crise, pero non entregaremos a economía e os servizos sociais do país ao capital financeiro. Pedimos ao Goberno que convoque aos representantes das forzas políticas para encontrar entre todos medidas que vaian nesta dirección, e non as que impón o PP para logo burlarse delas co fin exclusivo de cabalgar sobre a crise para conseguir o Goberno.

 

5) Chegou a hora da mobilización porque o Goberno traspasou todas os límites. Trátase do benestar actual e futuro do conxunto da cidadanía ou os intereses dunha ditadura financeira que quere rematar co escaso Estado de Benestar que hai en España e mesmo socavar as bases da democracia.

Relacionados