Escola de música de Silleda

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) solicitou unha reunión coa ANPA da Escola de Música de Silleda a fin de trasladar a posición do grupo parlamentar en referencia ao convenio entre o Concello e o padroado da Fundación Semana Verde polo que a administración local perdoa á débeda de 1.400.000 euros en concepto de pago de impostos que a Xunta ten contraído co municipio a cambio a cesión duns terreos para un campo de golf e un palacete que ademais precisa obras de acondicionamento para poder ser usado polos veciños e veciñas que ten que asumir o Concello.

Alternativa Galega de Esquerda comparte a necesidade de contar cunhas instalacións para a escola de música pero entende que estas débense adaptar ás necesidades da mesma ao tempo que non compensan o pago da débeda que ten o goberno galego de 1.400.000 euros.

O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, insistiu en sinalar que se trata dun convenio lesivo para os intereses do conxunto da cidadanía e destaca que a Xunta de Galicia debería ceder estas instalacións sen contrapartida algunha como acontece en moitas outras localidades e non como moeda de cambio para solucionar unha débeda moi superior ao que lle vai ceder ao Concello de Silleda.

AGE insta así mesmo ao goberno galego a permitir a utilización dos espazos da Semana Verde de xeito gratuíto por parte do Concello para a realización de actividades culturais e sociais que permitan rendibilizar estas infraestrutura absolutamente infrautilizadas a maior parte do ano.

Relacionados