Escola infantil no barrio de Esteiro

O Grupo Municipal de Esquerda Unida require ao Goberno Municipal a que informe de xeito público das xestións e trámites que se están a seguir para facer realidade o compromiso da Xunta de Galicia para que no curso escolar 2013-14 se atope en funcionamento a escola infantil no barrio de Esteiro. O paso dos meses sen que se coñeza o proxecto construtivo pon en grave risco que non se comecen as obras nesta anualidade como comprometera a conselleira responsable.

O certo é que alén das verbas comprometendo, con retraso iso si, este equipamento, nada coñecemos do proxecto construtivo. Semella necesario dispor deste documento para que se poida facer efectivo  o compromiso  de por en marcha a súa construción neste mesmo ano, para que poida entrar en funcionamento no seguinte curso escolar, o de 2013-14.

Esquerda Unida contempla con desacougo tanto o paso do tempo canto o espeso manto de silencio que se abate sobre esta demanda cidadá, que conta cun respaldo  unánime na nosa cidadanía. Cómpre coñecer de primeira man que está a facer a Xunta e que seguimento está a facer este Goberno Municipal para garantir contar nos prazos finalmente marcados coa escola.

O Grupo Municipal de EU pídelle ao Goberno Municipal que informe á cidadanía do trámite que está a seguir este equipamento. Urximos á Xunta de Galicia a cumprir os seus compromisos e a pór sobre a mesa o proxecto a meirande brevidade, así como acelerar o proceso que permita licitar a construción dentro deste exercicio.

Esquerda Unida demándalle ao Goberno que axilice os trámites e se poña a traballar arreo para que sexa verdade que no comezo do curso escolar 2013 poidamos contar cunha escola  nova para as nosas pequenas e pequenos no barrio de Esteiro.

Relacionados