Escolarización ilegal

Alternativa Galega de Esquerda  denuncia a dobre ilegalidade que a Xunta de Galicia está a cometer coa saída buscada ó conflito causado polas subvencións aos centros segregadores xa que o Real decreto  2377/1985 nos seus artigos 16 e 17 establece que os centros concertados non poderán impartir mais unidades que aquelas que ten concertadas. No mesmo sentido a propia Orde do 3 de febreiro de 2013 pola que se ditan as normas para a aplicación do réxime de concertos educativos con centros docentes privados para o curso 2013/14 e seguintes, establece  no apartado segundo do artigo 3 que “ no segundo ciclo de educación infantil e nos niveis de ensino obrigatorio, os centros privados concertados non poderán ter en funcionamento ningunha unidade máis que as concertadas”. Esta  mesma norma no apartado 1º do artigo 14 establece ademais que  a “titularidade do centro queda obrigada a ter en funcionamento o número total de unidades escolares correspondentes aos niveis ou graos de ensino obxecto do concerto”.

Dito marco xurídico impide pois que os centros concertados impartan mais unidades que as concertadas o que lles impediría impartir o primeiro ciclo das etapas obrigatorias de ser retirado o concerto destas unidades de escolarización, tal e como anunciou a Consellería de Educación.

O grupo parlamentar de AGE destaca que de procederse a escolarización ilegal do alumnado correspondente ao 1º ciclo de Educación Primaria e E.S.O, tanto os nenos e as nenas como as familias implicadas veríanse afectados por unha falla de cobertura legal que incluiría, entre outras graves consecuencias, a  invalidez da póliza do seguro escolar o que implicaría en caso de accidente, responsabilidades legais para a titularidade do centro e para a propia Consellería de Educación.

Desta forma, o goberno galego do Partido Popular comete unha dobre ilegalidade, non acatando a sentencia do TSXG referida o marco legal educativo e por outra banda, escolarizando en unidades ilegais ós nenos matriculados nas unidades non concertadas dos centros segregadores.

 

O grupo parlamentar de AGE presentou hoxe unha interpelación ao Goberno Galego  co fin de coñecer si se fai responsable da escolarización ilegal de centos de nenas e nenos  galegos matriculados en unidades non concertadas de centros concertados e se está disposto a asumir o as consecuencias que se podan derivar para os nenos e as familias afectadas escolarizados nas unidades ilegais.

Relacionados