Escolas infantís municipais

As Escolas Infantís Municipais (EIM) encárganse de facilitar o benestar das familias coruñesas facilitando a conciliación da vida familiar e laboral, asemade de contribuír ao proceso evolutivo de nenos e nenas.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que as actuais tarifas das EIM son inxustas e non responden nin á actual situación de emerxencia social, nin ás necesidades das familias traballadoras coruñesas. Se ben é certo que son taxas herdadas de anteriores gobernos locais, tamén o é que o PP incrementounas 2, 4, e 6 € en cada tramo respectivamente, esquecendo que un aumento progresivo dos prezos non consegue que as tarifas sexan progresivas e moito menos máis xustas. Nestes momentos de crise hai cada día máis familias que non poden acceder ás devanditas escolas, por falta de medios. Coas actuais tarifas, as familias que teñen unha renda per cápita inferior a 2.923 teñen unha tarifa de 49 €, mentres que as que non superan os 4.733 € pagan 79 e o resto 116 €. Así unha familia que non supere os 2.923 € de renda per cápita ten que afrontar un custe de 152 € por fillo entre escola, comedor, almorzo e merenda, o que ven a supoñer un 20% dos seus ingresos.

Esquerda Unida propón ao goberno municipal modificar as actuais tarifas das Escolas Infantís para acadar maior xustiza social mediante un incremento da súa progresividade, incorporando novos tramos e referenciandoos ao IPREM e eximindo de pago ao primeiro tramo, que corresponderá coas familias mais necesitadas.

O que estamos a propoñer non é nada descoñecido para o goberno municipal polo que de non atender a nosa suxestión demostrarase que o PP non ten intención de aplicar criterios de xustiza social. Lembramos que o 11 de Abril de 2012, o goberno municipal modificou o regulamento que organiza estas escolas, en relación a admisión do alumnado, otorgando unha maior puntuación ás rentas baixas, pero non modificou a ordenanza fiscal que regula as tarifas co mesmo criterio progresivo. Resultando de esta forma beneficiadas as familias con rendas máis altas.

César Santiso, indicou que “na actualidade unha familia, de tres membros, cuns ingresos mensuais inferiores a 750 euros paga na escola infantil o 20% da súa renda mentres que outra cuns ingresos mensuais iguais ou superiores a 1.094 euros paga o 17% ou o 8% para os de tramo xeral.

 

Santiso, subliñou que “as tarifas complementarias por comedor, almorzo, merenda e ampliación de xornada para nenas e nenos entre cero e tres anos, son excesivas. Éstas tarifas unidas ás de escolaridade son abusivas para a inmensa maioría das familias traballadoras”.

Relacionados