Escrito á mesa do Parlamento

PRIMEIRO.- Que eleve á Comisión de Investigación para analizar e Avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas de responsabilidades da súa actual situación, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex directivos unha enérxica protesta contra a utilización abusiva do artigo 76 do texto constitucional, así como do artigo 70.4 do Regulamento do Parlamento de Galicia para cercenar o labor dos deputados e deputadas deste grupo parlamentar na referida Comisión de Investigación.

SEGUNDA.- Que rexeite o acordo adoptado na referida Comisión, segundo o cal se declaran segredos os documentos rexistrados cos números 8756, 8757 e 8884.

TERCEIRA.- Que as condicións acordadas en solitario polo Grupo Parlamentar do PP na sesión da Comisión celebrada o pasado día 13 de xuño do ano en curso dificultan as tarefas de investigación dos deputados e deputadas deste grupo parlamentar, xa que non se garante o acceso á documentación ao non poder reproducir os textos, limitando o traballo á toma de anotacións in situ, nun espazo que apenas reúne condicións para o desenvolvemento do mesmo.

No que atinxe á documentación non declarada segreda, igualmente, dificúltase o traballo, pois para poder obter copias ou fotocopias, tense arbitrado un sistema que en absoluto garante, coa anticipación suficiente, as comparecencias, o exame e estudo da documentación.

Mesmo a concorrencia de deputados e deputadas ás veces impide atopar un espazo axeitado para tomar anotacións e examinar a documentación, tal e como ten acontecido o pasado día 16 de xuño no que tivemos que desenvolver o traballo de pé.

Noutra orde de consideracións, o feito de excluir a asistencia de técnicos que axuden nas tarefas de exame e estudo converten de facto esta comisión nun auténtico paripé , en que os deputados e deputadas vemos absolutamente restrinxidos os nosos dereitos.

En conclusión, estase a vulnerar o artigo 23.2 do texto constitucional, xa que con este proceder se impide o acceso a participar nos asuntos públicos nas condicións propias ao desenvolvemento do cargo de deputado, reservándonos as preceptivas acción na defensa dos nosos dereitos.

Polo exposto,

SOLICITAMOS que a Presidencia da Mesa proceda á reconsideración do acordo tomado o pasado día 13 de xuño do 2013 na antedita Comisión de Investigación, instando ao Presidente da referida Comisión ao levantamento do carácter segredo da referida documentación, garantindo aos Deputados e Deputadas o acceso á extensa documentación en condicións dignas, propias do cargo de deputado, acordando a suspensión das comparecencias previstas nos vindeiros días, en aras a permitir o estudo da documentación con rigor e medios que faciliten dita tarefa ao obxecto de proceder a un esclarecemento certo do acontecido .

 

Santiago de Compostela, 17 de xuño do 2013

Relacionados