Escurantismo do Goberno local

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia a denegación do acceso as facturas pendentes á oposición e a ausencia dunha comisión informativa sobre o plan de axuste. O venres os grupos municipais recibiron as distintas convocatorias para as comisións informativas, nas que non se incluía a do plan de axuste. Esta ausencia significa que o Goberno local levará ao Pleno do Concello a aprobación do devandito plan sen dictame da comisión informativa, agachando así as medidas previstas ata a convocatoria do Pleno.

 

Esquerda Unida considera escurantista a posición do goberno municipal en relación co plan de axuste. En todo caso anticipa que rexeitará calquera medida que supoña recortes sociais ou descenso na calidade dos servizos a cidadanía desenvolvidos polo Concello.

 

Esquerda Unida – Os Verdes defenderá no Pleno que os 7,6 millóns de crédito deben devolverse en base ao incremento recadatorio e a redución dun 25%  dos emolumentos dos cargos públicos e persoal de confianza. Pois segundo datos da liquidación do orzamento municipal correspondente ao exercicio 2010, o Concello ten 70 millóns de débedas pendentes de cobro polo que coa cobranza dun 11% dos impagados cubriríase a totalidade da débeda adquirida para o pagamento de facturas pendentes a provedores.

 

Por outra banda no Pleno de xullo Esquerda Unida propuxo, sen apoio de ningunha outra forza política, a redución dun 25% dos emolumentos de cargos públicos, altos directivos e persoal de confianza ata que finalice a crise, o que produciría unha economía aproximada de 300.000 € anuais, que ao cabo dos 10 anos do préstamo suporía uns 3 millóns de euros, cerca do 40% da débeda contraída.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o PP debe estar avergoñado da súa proposta porque quere agachala ata o último momento, témome que pretenda aplicar recortes sociais porque senón non se explica tanto escurantismo para dificultar a labor dos grupos da oposición”.

Relacionados