Este rexeitamento á participación vén dada pola actual situación de desbaraxuste na entidade e logo do flagrante incumprimento por parte da alcaldía do PP en Ferrol dos compromisos para modificar a situación de FIMO.
O alcalde de Ferrol comprometérase a por en marcha a nova Fundación de FIMO ao longo deste mes de xuño con ocasión do Pleno do concello de Ferrol onde os Grupos Municipais da oposición amosaron tanto o seu rexeitamento de plano dos despedimentos arbitrarios ocorridos en FIMO, canto a reprobación dunha xestión da presidencia da devandita entidade marcada pola ineficacia, a arbitrariedade e a división.
Rey Varela volta a quedar en entredito logo de que vaia vencer o mes de xuño sen ter dado paso algún que permita superar a situación de desbaraxuste a anomia no que se atopa a entidade Feiral. Situación que ten rebasado os límites do tolerable cos despedimentos arbitrarios sufridos pola plantilla da entidade.
Diante dunha convocatoria do consello de administración de FIMO que non produce novidade algunha e que nos condena a repetir xuntanzas estériles e arbitrarias por parte da presidencia da entidade, os Grupos Municipais da oposición manifestamos a nosa decisión compartida de non facernos cómplices do progresivo afundimento da entidade e, xa que logo, determinamos non asistir a esta reunión.
Ben o contrario, esixímoslle á alcaldía de Ferrol a que deixe de se agochar na inacción e proceda de inmediato a desenvolver as actuacións pertinentes que permitan a posta en marcha da nova Fundación. O Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Unida, e o Partido Socialista Obreiro Español consideramos que esa tarefa correspóndelle encabezala ao Goberno Municipal e para elo anunciamos a nosa disposición a colaborar.