Espazo lúdico S.Pedro de Visma

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a habilitar un espazo lúdico cultural e social en San Pedro de Visma, un barrio que ven reclamando nos últimos 10 anos unha serie de melloras, consistentes en pequenas actuacións de pouco importe económico pero que poden ter gran repercusión sobre a calidade de vida da veciñanza, pero que tanto PSOE como PP desestimaron por considerar que neste barrio xa se inviste gran parte do esforzo económico do Concello. Porén, esas melloras, coma o parque de Bens, son infraestruturas globais que dan servizo a toda a cidade.

Dende EU desenvolvemos diversas iniciativas plenarias relacionadas coas actuacións que ten previsto desenvolver o goberno local neste barrio e máis concretamente pola construción dun espazo lúdico, cultural e social para a veciñanza, pero lamentablemente o executivo Negreira non deu axeitada resposta.

Neste sentido, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistrou unha pregunta plenaria de resposta escrita a fin de coñecer se o goberno local ten pensado atender as reivindicacións da veciñanza de San Pedro de Visma. O tenor literal da preguntas é o seguinte:

– Ten pensado o goberno municipal atender a reclamación da veciñanza do barrio de San Pedro de Visma e proceder a construción dun espazo lúdico, cultural e social onde a cidadanía poida gozar dun punto de encontro?

Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “resulta evidente que ao equipo de goberno do PP lle preocupa pouco ou nada a calidade de vida da veciñanza, a situación de varias zonas deste barrio é lamentable e Negreira nin tan sequera escoita aos veciños”.

Relacionados