Espazo paseo animais compañía

Aproveitando a conmemoración, o grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes propón ao goberno local a modificación da actual ordenanza municipal para a protección e tenencia de animais a fin de incluír espazos verdes nos que soltar aos animais de compañía en determinadas franxas horarias. Neste sentido, propoñemos que se modifiquen os artigos 11 e 16 da ordenanza mencionada e se inclúa unha detallada relación de espazos verdes da cidade nos que os animais puideran circular libres e soltos sen supoñer un perigo e sen prexuízos para o resto de cidadáns, polo que se alcanzaría unha adecuada convivencia entre os habitantes. Os espazos que propoñemos, entre outros, son os seguintes parques: Vioño, Os Rosales, Bens, San Diego, Oza, da Torre, Paseo das Pontes, Europa, Eirís.

En canto a franxa horaria propoñemos en horario de verán de 21:00h a 9:00h e o resto do ano de 20:00 a 8:00h. Esta iniciativa que ven da man da cidadanía, pois fusiona as reclamacións de persoas que conviven con animais de compañía e que levan tempo solicitando que se habiliten espazos para eliminar as actuais trabas e limitacións ás que se ven sometidos e nos que poder pasear tranquilamente as súas mascotas sen preocupacións sobre posibles accidentes ou multas.

Así, Esquerda Unida considera que A Coruña debe contar con máis recintos onde pasear aos animais nos espazos verdes da cidade, pois actualmente existe un recinto no parque de Santa Margarita que non cubre as necesidades da cidade. Trátase dunha esixencia das coruñesas e coruñeses que a Administración debe ter en conta dentro da súa obriga de efectuar unha boa xestión.

Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “lamentamos que o Concello teña que facer fronte ao gasto de 144.000 euros devido a eivas na contratación de anteriores gobernos do PSOE por actos crueis cos animais como as touradas”. Semella unha barbaridade que dende a Administración se pague con cartos públicos actos crueis e salvaxes que non contan co apoio da cidadanía, como son as touradas. No último modificativo de crédito que aprobou a xunta de goberno local o día 1 de outubro de 2013, inclúese un gasto de 144.000 euros para facer fronte a unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que condena ao Concello a indemnizar con esta cantidade a unha empresa que perdeu de forma irregular o concurso da feira taurina nos anos 2005 e 2006, etapa na que gobernaba o PSOE.

Relacionados