Esperpento do alcalde de Ferrol

Javier Galán, voceiro municipal, cre que o alcalde tomou a absurda decisión de protestar contra o seu propio partido e contra os principios que defende; a destrución do sector naval público. Se tanta é a transcendencia que lle quere dar ao feito de manifestarse publicamente, feito non que teñen pouca práctica, o primeiro que debería facer, antes de partir cara á Madrid e romper ante luz e taquígrafos o carné do partido que está disposto a deixar nun mero obxecto turístico e simbólico os estaleiros públicos da comarca, precarizar o emprego e todo iso, sen ter feito ningún traballo nos últimos anos para por unha banda conseguir carga de traballo e, por outra, para expandir ás opcións industriais da comarca máis alá do monocultivo do naval.

Asemade, os concelleiros Javier Galán e Suso Basterrechea, consideran a desconvocatoria do pleno municipal feita polo alcalde unilateralmente un novo golpe ditatorial, unha chapuza de última hora que non representa máis que o medo a enfrontarse a quen debe representar, na rúa e non en excursións turísticas a Madrid, a cidadanía de Ferrol.

Jorge Suárez, coordinador da área de traballo, considera  esta excursión da dereita da comarca, pechada á cidadanía, como unha viaxe a ningunha parte, un xogo de artificio mediático que ninguén pode crer, toda vez que os representantes da Sepi, os de Navantia e os que alá van a escenificar “un teatrillo” de malos actores que forman todos parte da mesma realidade e tan só son caras diferentes dun mesmo prisma: a dereita neoliberal que esnaquiza a industria, potencia os servizos que crean emprego precario e temporal e adícase ás poxas dos servizos públicos máis rendibles para as oligarquías amigas.

O que cómpre é a garantía de carga de traballo, un dique flotante e a procura continuada de novos contratos, sen paus nas rodas dende o propio Partido Popular, que resta competitividade e prestixio internacional á empresa pública coa clara intención de desmantelar o naval. O que non serve xa son xestos é palabras, ou manifestacións alternativas nas que só poden participar os amigos dos seus amigos, e sendo eles mesmos os que quebran a unidade da comarca, unidade sindical e social que se vai significar o venres 29 nunha vixilia na que Ferrolterra esixe solucións, participada por todas as forzas sindicais, partidos políticos e asociacións da comarca e na que, naturalmente, non  quererán estar eses douscentos amigos de Montoro e Rajoy que viaxan rumbo á actuación de monicreques diante da Sepi.

Por outra banda, dende Esquerda Unida consideramos a entrada de Pemex en Barreras como unha porta aberta a un impulso ao sector naval que esperamos non haxa que lamentar e se quede unicamente na compra do know how galego e se traduza en contratos e carga de traballo. No entanto queremos facer unha consideración ao penoso funcionamento da política internacional, onde quedou ás claras que son as grandes oligarquías as que deciden os futuros da sociedade, a pobreza ou riqueza da cidadanía, o emprego ou o paro, dun xeito noxento, non hai máis que ver os repugnantes xogos estratéxicos de Repsol, YPF, Gas Natural e o ministro Soria, onde cedemos aquí e nos dades alá, para propiciar un acordo electoralista que poida salvar a denostada imaxe do PP, e onde, de rebote e porque pasaban por alí, pode beneficiarse a clase obreira galega do naval.

Relacionados