Esquerda Unida abre as súas primarias para a elección da candidatura á presidencia da Xunta de Galicia

Esquerda Unida reuniu esta mañá en Compostela a súa coordinadora nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, que aprobou a posta en marcha un proceso de primarias abertas para a elección da candidatura á Presidencia da Xunta de Galicia.

“É un proceso longo que comeza cunha fase que arranca hoxe, coa aprobación das normas das primarias, e que rematará no mes que vén, cando elixamos á persoa candidata de Esquerda Unida para a presidencia de Xunta de Galicia”, explica Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida, en declaracións a medios. “A continuación virá unha segunda fase para a elección, cando menos, dos catro primeiros postos das catro provinciais”, aclara.

“Dende o ano 2012, os estatutos de Esquerda Unida mandatan a celebración de primarias para a elección das persoas que van configurar as nosas listas, e nós o facemos cun sistema aberto, tanto para afiliadas como simpatizantes. E queremos que a experiencia institucional dos últimos anos, o caudal e a capacidade política que Esquerda Unida aportou a unha das maiores apostas políticas que viviu Galicia, que foi a unidade popular e os procesos de confluencia estea reflectido nas nosas candidaturas”, dixo Pérez. En definitiva, Pérez rematou que “se abre unha ventá importante de oportunidade en Galicia na que Esquerda Unida debe aportar o seu caudal político”.

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, presentou ante este órgano un informe político onde analizaba a actualidade política e recollía as tarefas que porá en marcha a organización neste vindeiro curso político.

Relacionados