Esquerda Unida afea a Feijoó por maltratar ao persoal sanitario, ao non haber persoal suficiente nos centros de traballo

“A Xunta de Galicia ten que preguntarse por que non hai persoal suficiente nas listas de contratación e mellorar as condicións nas que traballan as profesionais para ter máis persoal disposnible”

En rolda de prensa celebrada o día de hoxe pola Coordinadora de Esquerda Unida, Eva Solla fixo un repaso á actualidade política centrándose nas políticas de sanidade ante a a sexta vaga de COVID 19 e que Eva Solla tacha de “improvisada e chafalleira por parte da Xunta de Galicia”.

Sinala Eva Solla que “ningunha das medidas que o PP tomou ante esta sexta vaga de COVID, vai encamiñada a mellorar a situación do sistema sanitario, a incrementar o persoal, ou a dotar de recursos a sanidade pública”

Ademais tacha de “indecente e incomprensible a privatización do servizo de rastrexadores e rastrexadoras que actualmente leva unha empresa de telemarketing, que non está a ter capacidade de abordar esta sexta vaga, tanto pola falta de persoal como de formación en materia sanitaria” e que desde Esquerda Unida considérase unha auténtica chapuza.

Eva Solla considera incomprensible, ademais que nun momento de pandemia “os últimos orzamentos destinados a 2022, reducen nun dous por cento dos medios destinados á atención primaria”.

A coordinadora de Esquerda Unida fai un chamamento “á Consellería de sanidade e á Xunta, que se reúna cos profesionais e sindicatos para adoptar as medidas suficientes” e apoia as mobilizacións realizadas pola sanidade pública e polas profesionais do sector que se manifestaron, tanto en Lugo, A Coruña e outros lugares de Galicia en defensa da sanidade pública.

Relacionados