Esquerda Unida amosa a súa solidariedade con todas as persoas afectadas polo VIH neste 1 de Decembro

Esquerda Unida amosa a súa solidariedade coas persoas que teñen VIH, coincidindo coa data do 1 de decembro, Día Mundial da Loita Contra a Sida. Segundo explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, “unha vez máis, instamos á Xunta a investir máis recursos en Atención Primaria e nos colectivos que traballan con estas persoas, tales como os Comités Cidadáns anti-SIDA de Galicia”.

“A Xunta de Galicia mantén recortes nas axudas e subvencións de moitas  asociacións, o que pon en perigo a continuidade das accións e programas que levan a cabo dende hai moito tempo”, explica Eva Solla. Accións e programas que a administración, dende sempre, se nega a xestionar directamente. Segundo este modus operandi, “a Xunta delega as súas funcións, competencias e responsabilidades nas ONGs e, despois, impide que as poidan levar a cabo pola asfixia económica ás que as somete, mantendo a redución de contías e retrasando os pagos. Despois, cos recortes económicos e o retraso nos pagos, impide que moitas destas funcións se poidan levar a cabo”, expón Solla.

Por todo isto, dende Esquerda Unida, denunciamos que só a voluntariedade e a alta implicación dos membros dos Comités anti-SIDA (xunta directiva, persoal contratado, voluntariado, persoas usuarias e residentes) fan posible que estes recursos, pese a esta situación de precariedade imposta polas administracións responsables. En Galicia hai máis de 2.000 persoas infectadas polo VIH que non o saben, entre un 30 e un 40% do total, que ascende entre as 7.000 e 8.000 persoas.

As Casas de Acollida para persoas afectadas pola SIDA de Ourense e Coruña, dependentes dos Comités Cidadáns anti-SIDA, que funcionan dende 1994 no caso de Ourense, e nas que residen ducias de persoas, seguen a ter un futuro incerto, tal e como denunciamos dende hai anos. Os recortes son unha cuestión de vontade política e a tan cacarexada recuperación económica non chega, por esa mesma falta de vontade política, ós sectores máis desfavorecidos da sociedade.

 

“A miña saúde, o meu dereito”, lema deste ano da ONU

Este ano, o lema da ONU céntrase no dereito a saúde e denuncia á vulneración dese dereito, que afecta a milleiros de persoas en todo o mundo, apostando por erradicar as desigualdades sanitarias. Segundo destaca o Programa Conxunto das Nacións Unidas sobre o VIH/Sida (Onusida), o dereito á saúde vai máis alá do acceso aos servizos sanitarios de calidade e a aos tratamentos, tamén depende de garantir a vivenda e os saneamentos axeitados, unhas condicións de traballo xustas, un entorno saudable e o acceso á xustiza, entre outras.

“Tendo isto en conta, calquera recorte nas medidas de prevención é tremendamente caro, non só no humano e social, senón no económico. Por iso temos que entender que todo gasto en prevención é unha inversión, non só pola súa rentabilidade humana e social, que debería ser suficiente, senón tamén pola económica, polo aforro que supón dos altos custos dos ingresos hospitalarios que se evitan”, sinala Eva Solla. Como denunciamos, a política da Xunta de Galicia camiña en sentido contrario ao que recomenda a ONU.

En canto ao nivel internacional, denunciamos a situación de desigualdade no acceso aos tratamentos entre países desenvolvidos e países pobres. Os países que contamos con maiores avances e recursos en prevención e tratamento do virus, temos a obriga de manter unha actitude solidaria cara a eses países. Por todo isto, Esquerda Unida urxe ás administracións a traballar xuntas a prol de impulsar campañas de prevención e atención de VIH.

Relacionados