Esquerda Unida ante a situación do transporte escolar esixe á Xunta que consensúe un protocolo coa comunidade escolar

O pasado 28 de agosto a Xunta de Galicia publicaba unha orde na que modificaba determinadas medidas de prevención fronte á Covid-19 no ámbito educativo, rectificando parcialmente algunhas das medidas aprobadas no seu protocolo de inicio de curso. Así manifestaban a súa reacción ante as protestas da comunidade escolar que se teñen traducido na convocatoria dunha folga do profesorado motivada pola ausencia de medios para facer fronte á pandemia.

Nesta orde do 28 de agosto, a Consellería de Educación afirma que será obrigatoria a máscara de protección para maiores de 6 anos e que os nenos e nenas terán un asento asignado. Sen embargo, non explica como se vai procurar a colación cercana das e dos menores que pertenzan ao mesmo grupo burbulla e o que é máis preocupante, non establece ningunha medida para o transporte escolar compartido con adultos.

A Xunta de Galicia manifestou durante esta semana a través dos medios de comunicación que está a traballar un protocolo específico coas empresas de transporte, que será tratado coa patronal do sector, sen que a comunidade escolar teña ata o momento posibilidade de participar no mesmo.

Sen embargo, vimos de escoitar a Feijóo manifestarse en desacordo co reparto dos fondos que o estado asigna ás comunidades, ao mesmo tempo que reclama máis dotación para un transporte escolar do que, como xa é habitual na súa xestión, a comunidade educativa descoñece como vai xestionarse.

A área de educación de Esquerda Unida ve con preocupación unha situación na que se exclúe a profesorado, monitores e monitoras e familias dos criterios adoptados para manter un transporte seguro e lembra que a convivencia nese transporte de persoas alleas ao ámbito escolar alteraría a eficiencia dos chamados grupos burbulla ou de convivencia estable.

Os grupos burbulla teñen a función de reducir o ámbito dos contactos, minimizando así as probabilidades de que se espalle o virus entre o alumnado e resto da comunidade escolar, sendo especialmente útiles entre menores de dez anos. A convivencia nun espazo pechado de diferentes grupos burbulla ten a súa complexidade, especialmente nos menores de seis anos e deben regularse as distancias.

Pero máis complexo resulta mesturar co alumnado outros grupos de persoas alleas ao ámbito educativo, como acontece co transporte compartido, caso no que se dificulta o mantemento de ditas “burbullas”.

A área de educación de Esquerda Unida esixe á Xunta que nestas condicións os protocolos de transporte deben ser consensuados coa comunidade escolar atendendo ás características do alumnado e traballadores de cada centro e non unicamente falados coa patronal do transporte. Esquerda Unida pide que se tomen medidas canto antes ante a inminencia do inicio do curso escolar.

Relacionados