Esquerda Unida aplaude o preacordo acadado entre os sindicatos e a empresa estadounidense Alcoa respecto ao ERE anunciado nas plantas da Coruña e Avilés

A presión da mobilización levada a cabo polo persoal de Alcoa fronte á ameaza da empresa de aplicar o ERE extintivo aos traballadores deu o seu froito nesta madrugada. Dende Esquerda  Unida reivindicamos a necesidade de aplicar unha inversión e obter un compromiso real dende o Goberno coa industria do noso país para garantir a produción de aluminio primario, así como para preservar os postos de traballo nas factorías.

Segundo sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, “este preacordo supón un balón de osíxeno para o persoal da Coruña e de Avilés,  que leva reivindicando nos últimos meses na rúa o seu dereito ao traballo”. Tal e como apunta Solla, “nunha situación de extrema gravidade na que unha empresa como Alcoa actúa en réxime de monopolio, polo que a aplicación do artigo 128 da Constitución é unha opción real que debera contemplarse para preservar a produción industrial en beneficio do interese xeral”.

Dende Esquerda Unida lembramos que Alcoa é unha empresa de interese público e, como tal, o Goberno debera actuar en consecuencia, algo que non está a facer respecto ao futuro da industria do noso país.

Relacionados