Esquerda Unida apoia a gran mobilización do persoal da CRTVG que reivindica a dignidade dos medios públicos de comunicación de Galicia, que terá lugar o vindeiro 19 de decembro, así como unha concentración ante o Parlamento galego e unha manifestación que percorrerá o centro de Santiago. Esta folga vén precedida de paróns que se remontan ao 20 novembro e durarán ata o sábado 22 de decembro.
Dende Esquerda Unida queremos apoiar ao persoal que xa leva 29 semanas mobilizándose nos coñecidos como “venres negros”, para reclamar a fin da manipulación e do control informativo na CRTVG, a creación dun Consello de Informativos e Estatuto Profesional, o cumprimento da Lei de Medios Públicos ou a recuperación da produción propia interna, entre outras demandas.
Dende Esquerda Unida volvemos reivindicar a necesidade de contar cuns medios públicos de calidade, que garantan o dereito a termos unha información veraz.
Ademais rexeitamos totalmente a instrumentalización que se da coas traballadoras e os traballadores de medios públicos, usadas como ferramentas para intervir no mundo político, co impedimento que convela que non fagan o seu traballo tal e como xulgan, como profesionais da comunicación que son.
Por todo isto, dende Esquerda Unida trasladamos todo o noso apoio ás traballadoras e traballadores da CRTVG na loita que están a dar en prol da recuperación deste medio público e contra o seu desmantelamento. Ademais dos paros parciais, o mércores 19 de decembro haberá unha manifestación á que chamamos a participar.