Esquerda Unida apoia a folga do persoal da central de chamadas do 061, que terá lugar o día 6 de xaneiro entre as 19 e as 21 horas, e levarase a cabo ante o incumprimento sistemático das condicións laborais das traballadoras e traballadores, que afecta a un servizo esencial para toda a cidadanía.
A coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, reuniuse esta mañá cos representantes do Comité de Empresa deste colectivo e rexistrará iniciativas no Parlamento para esixir que a Xunta exerza unha mediación ou sancione á empresa concesionaria para rematar coa precariedade destes profesionais.
“É unha vergoña que teñan que convocar a terceira folga reclamando que se lles paguen os seus salarios e que se respecten as súas condicións laborais”, denunciou Solla.
A deputada explicou que “mentres a Xunta lava as mans e utiliza a imaxe dos traballadores pola boa valoración que ten o servizo, o persoal que atende as chamadas das urxencias sanitarias leva tres meses con ameazas da empresa Grupo Norte de impago das súas nóminas. Este mes aínda non se lles abonou o 100% do salario ou os incentivos acordados por convenio colectivo. É a enésima vez que se produce un conflito laboral porque non se cumpren as condicións pactadas”.
Así, Eva Solla considerou que “o persoal non pode seguir con esta precariedade laboral de maneira infinita, en primeiro lugar polo respecto aos seus dereitos, e en segundo lugar, porque non se pode ter en situación continua de estrés a quen atende algo tan esencial como as chamadas das urxencias sanitarias. É unha vergoña que estes profesionais sigan sen estar integrados na consellería de Sanidade e que se manteña con subcontratas que xogan cos dereitos laborais”.
Ante esta situación, dende Esquerda Unida exiximos unha actuación decidida por parte da Xunta de Galicia para obrigar a Grupo Norte a cumprir cos dereitos dos traballadores e das traballadoras. Pese a ser un servizo subcontratado, a atención das urxencias sanitarias é un servizo público e prioritario. “O que está acontecendo con estas persoas é un incumprimento flagrante dos seus dereitos laborais que afecta a un servizo esencial para toda a cidadanía”, rematou Solla.