Esquerda Unida amosa o seu total apoio á folga convocada por todos os sindicatos do ensino perante a negativa da Xunta de Galicia a negociar a recuperación de dereitos e devolución dos horarios previos á crise.
O sector público nesta última década foi obxecto de ataques continuos, mermando así a súa capacidade e calidade, ao igual que a sanidade, os servizos sociais, as pensións… o ensino tamén padeceu estes recortes que nun contexto de “crise” viu como o goberno de Feijóo, unilateralmente, aumentou as horas de docencia do profesorado o que supuxo unha maior carga de traballo para as e os docentes e que repercute directamente na calidade do dereito a un ensino público.
As consecuencias desta decisión unilateral tradúcense en asignación de prazas a profesorado non é especialista, aumento de profesorado compartido en diferentes centros afastados, menor número de contratacións, despedimento de persoal interino, peche de unidades e centros.
En definitiva o profesorado sufriu as consecuencias dos recortes máis brutais, afectando á calidade do ensino, especialmente ao alumnado e ás familias máis vulnerables ao aumentar as ratios (número de alumnado por aula), os agrupamentos de alumnado de diferentes niveis e capacidades, retirar desdobramentos, prexudicar os reforzos e apoios e escatimar en persoal especialista, etc.
Por todo isto, dende Esquerda Unida apoiamos as reivindicación do profesorado galego pola recuperación de dereitos e a devolución do horario lectivo.