Esquerda Unida apoia a Folga Feminista do 8 de marzo e lembra que “se as mulleres paramos, o mundo para”

O gabinete de comunicación de Esquerda Unida, formado por mulleres, estará de folga este vindeiro 8M e, polo tanto, Esquerda Unida nacional non fará ningunha comunicación orgánica. Esta é unha folga que está no ADN da historia da nosa organización e que pon de manifesto que a participación das mulleres é imprescindible en todas as esferas da vida.

Esquerda Unida apoia a Folga Feminista do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, e as mobilizacións convocadas coa fin de mostrar que “Se nós paramos, o mundo para”, facendo ver que o traballo das mulleres, en todos os eidos, é constantemente invisibilizado e minusvalorado, pero esencial para que todo funcione.

É por iso, que dende Esquerda Unida facemos un chamamento á participación activa nas diferentes mobilizacións dende o convencemento de que só cunha transformación feminista da nosa sociedade podemos lograr unha igualdade real. Dende esta perspectiva, apoiamos unha folga laboral, de coidados, de consumo e tamén estudantil, porque queremos paralo todo e demostrar que nada pode funcionar sen nós.

Dende Esquerda Unida consideramos que a presión exercida dende a rúa, a mobilización e a sensibilización da sociedade co feminismo son factores imprescindibles para conseguir avances claros na loita feminista. Nós, as mulleres, paramos!

Ver: Manifesto 8M

Relacionados