Esquerda Unida apoia #aos8deAirbus e esixe a derrogación do artigo 315.3 do Código Penal

Esquerda Unida únese ás mostras de solidariedade cos #8deAirbus e a campaña “A Folga Non é Delito”, que esixe a derrogación do artigo 315.3 do Código Penal, que impide a práctica dun dereito tan fundamental como é o dereito a folga. Ademais, anima á cidadanía a participar nas diferentes manifestacións que terán lugar o vindeiro día 8 de febreiro, día antes de que teña lugar o xuízo destes oito traballadores de Airbus (en Madrid).

Concretamente os oito sindicalistas de Airbus enfróntanse a unha sentenza conxunta de 66 anos de cárcere pola aplicación do 315.3, por mor da súa participación durante a folga xeral de 2010 nunha concentración ante a fábrica de EADS-CASA de Airbus, na localidade madrileña de Getafe.

Esquerda Unida, a través do grupo parlamentar AGE, trasladou esta semana ata a Xunta de voceiros do Parlamento unha declaración institucional en apoio a estes/as traballadores/as. Ao mesmo tempo se presentaron diversas iniciativas onde se pedía a derrogación do artigo 315.3 do Código Penal, a través da que o PP tenta silenciar á cidadanía mediante a estratexia do medo.

Paralelamente, Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU e deputada de En Marea no Congreso dos Deputados anunciou que o seu Grupo trasladará a mesma petición ao Congreso para, entre todos, loitar contra o que é un ataque directo á democracia e ao dereito a folga contemplado pola Constitución.

Esquerda Unida recorda que polo menos outros 300 sindicalistas en España atópanse á espera de ser xulgados pola súa actividade folguista; un grave ataque a un dereito democrático fundamental co que se busca criminalizar á resistencia organizada dos/as traballadores/as.

Relacionados