O Alcalde de Ourense vén traballando desde hai varios meses no que se pode definir como unha “campaña de odio” perfectamente calculada para desviar mediaticamente a atención da súa lenta agonía política.
Por desgraza, ao Alcalde non se lle ocorre nada mellor que gañar o favor dunha parte da cidadanía desinformada e susceptible, que utilizar o espantallo dun colectivo inxustamente acusado de indolente: os empregados públicos do concello que el preside. O principal responsable de degradar ata límites intolerables a situación e o ambiente laboral no Concello, é o Alcalde.
A estratexia pode parecer torpe e inviable, pero aos que subestimen esta técnica convén recordarlles que o Concello ten como máximo responsable a un dos políticos máis famosos de España polas súas estrambóticas e surrealistas ocorrencias e proxectos, un personaxe carente de educación, capacidade negociadora e sen sensibilidade persoal nin social, que segue exercendo o poder con descaro, sen control e sen respecto nin á oposición, nin á maioría social, nin os propios empregados públicos.
A súa asombrosa ineptitude e inacción na xestión deixa un camiño pragado de frases bochornosas, proxectos urbanísticos delirantes, gastos desorbitados, e unha parálise municipal de imprevisibles consecuencias.
Cómpre recordar que os empregados públicos do Concello non reciben o seu salario por pilotar ou construír naves espaciais, senón por realizar trámites e xestións imprescindibles para que a cidade funcione, traballo para o que están suficientemente preparados. Actúan co nivel de competencia requerido, baixo as directrices e vixilancia dos seus superiores e seguindo os criterios marcados en regulamentos específicos. Por suposto, desenvolven a súa actividade á vista de toda a cidadanía e, ata hoxe, e coas inevitables excepcións, non teñen sido menosprezados polos veciños aos que serven. En cambio, o Alcalde só se ve sometido a un control cada 4 anos, control que con toda seguridade non superará nas próximas eleccións municipais.
Esquerda Unida manifesta o seu apoio aos empregados públicos municipais inxustamente atacados por unha persoa que, inexplicablemente ocupa a xefatura do poder político na alcaldía co sustento, e interesada colaboración, dun partido condenado como corrupto polas instancias xudiciais, para garantir a pervivencia política caciquil de Baltar a fronte da Deputación Provincial.
No caso do Concello de Ourense, esa política está a ter unhas consecuencias moi graves: as carencias en dotación de Bombeiros, Policía local, transporte público, Cultura ou Servizos sociais, entre outros, deterioran día a día a situación, que xa non era boa previamente.
Este modelo de xestión, deixando a cidade en mans de asesores non elixidos democraticamente, e da falta de control das concesionarias de servizos públicos por parte do Concello, recordan formas de gobernar autoritarias de tempos pasados. Non hai control democrático e o goberno municipal funciona desconectado da realidade social.
Non se pode cargar toda a responsabilidade sobre un home totalmente superado polo papel que lle tocou representar na nosa sociedade. É preciso recoñecer que parte da cidadanía non tivo en conta que non é unha cuestión menor elixir ao responsable da política municipal. Jácome tivo un golpe de sorte que esperemos que non se volva a repetir: ademais dun PP sen proxecto para a maioría social (se o tivese, non apoiaría a DO), contou cunha cidadanía indignada e desorganizada, e con algúns medios de comunicación aos que non lle preocupa tanto a información obxectiva, como vender titulares chamativos.
Esquerda Unida apela á responsabilidade da cidadanía para presionar non só contra os ataques inxustificados do Alcalde contra os funcionarios, senón tamén contra unha política do PP totalmente inmoral e que altera gravemente a convivencia na nosa cidade.
Esquerda Unida non espera que o PP cambie de estratexia: o seu único obxectivo é o poder. Pero esperamos que Ourense reaccione, contando coa responsabilidade dos veciños, asociacións, organizacións políticas e medios de comunicación, para deter a deriva dunha política municipal que leva moito tempo paralizada no medio da máis grave crise da nosa cidade en moitas décadas e que condena a cidade e a provincia a unha desesperanza endémica colectiva.