Esquerda Unida apoia o peche dos celadores e celadoras no Hospital Álvaro Cunqueiro

Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e deputada de AGE, visitou esta mañá en Vigo aos celadores e celadoras que iniciaron o pasado luns un peche indefinido no Hospital Álvaro Cunqueiro para denunciar que empregados/as dunha empresa privada asumen parte das súas funcións. Estes días, o resto de persoal sanitario tamén sumouse a estas reivindicacións con pancartas como: “A favor da Sanidade Pública. Celadores si, Tigas non”.

Segundo explica Solla, esta mobilización débese a que “unha empresa privada está facendo labores de Transporte Interno de Xestión Administrativa (Tiga), labores que, como tales, correspondían ao colectivo de celadores e celadoras e, agora, as levan a cabo esta nova categoría: o denominado persoal Tiga”.

Tal e como recorda Solla, “é gravísimo que estas persoas que non teñen nada que ver coa sanidade realicen tarefas sanitarias. Entre outras, o transporte de tratamentos médicos ou datos confidencias dos pacientes. Non sabemos nin a súas capacidades nin as súas condicións laborais, pero intuímos que forman parte dun cadro de persoal reducido e precarizado”, sostén.

Para Esquerda Unida, a privatización de parte dos servizos dos celadores e celadoras no Hospital de Vigo e unexemplo máis dunhas políticas de recortes que deixan ver como a destrución da sanidade pública, universal e gratuíta segue a ser un dos negocios prioritarios de Alberto Núñez Feijóo “que, esta vez, , inciden directamente na privatización do persoal sanitario”, completa a deputada.

“Nun primeiro momento, Feijóo defendeu que non ía privatizar hospitais, e, o de Vigo, é xa de xestión privada. Despois afirmou que non privatizaría o persoal e, agora, os celadores e celadoras están a pagar as súas políticas”, recalca Eva Solla.

Dende Esquerda Unida reiteramos que loitaremos por unha sanidade pública e gratuíta para as persoas usuarias, que deberán estar atendidas por un persoal debidamente formado e dotado dos recursos materiais necesarios, cunhas condicións laborais dignas e xustas.

Relacionados