Esquerda Unida aposta pola defensa do municipalismo como base para construír República no acto do 25 de Xullo en Mugardos

Lembra: Se queres participar, solicita información na túa agrupación local.

O acto de Esquerda Unida no que celebramos o Día de Galicia terá lugar en Mugardos a partir das 12.30 horas, e contará coa participación do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, a  alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, e o membro da dirección de Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, entre outros.

Despois do acto político, celebraremos un xantar lúdico e popular para compartir un día de festa e reivindicación coas compañeiras e compañeiros. 

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e Carlos Portomeñe, membro da dirección de Esquerda Unida, presentaron en rolda de prensa o acto do vindeiro 25 de Xullo, que leva por título: “Defender o municipalismo rebelde para construír República” e terá lugar en Mugardos.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, explicou que “este 25 de Xullo volvemos a Mugardos para falar sobre a importancia dos municipios galegos na construción do modelo que ten Izquierda Unida de cara a creación do Estado Federal. Respecto ao goberno municipal, o que enfronta máis dificultades no día a día é o debate sobre o financiamento dos concellos, que non acompasa á descentralización do Estado e que ten que ver en como se articularon os dereitos e liberdades do Réxime do 78”.

Pola súa banda, Carlos Portomeñe, incidiu na importancia “das administracións locais, máis achegadas á cidadanía, cun papel que dende o noso proxecto de Estado Federal consideramos fundamental, por exemplo, para conseguir unha saída democrática da crise”. “Sabía moi ben o franquismo da importancia dos concellos nos procesos de cambio cando comezou a represión das persoas máis destacadas no movemento municipalista, xa que na primeira semana do golpe uns 30 alcaldes das principais localidades e cidades galegas foros asasinados”, sinalou o membro da dirección de Esquerda Unida. No marco de recuperación da memoria histórica, Portomeñe lembrou o lema acaído do Partido Comunista de Galicia (PCG) nas primeiras eleccións democráticas de 1979: “Quita un cacique e pon un alcalde”.

Por todo isto, “pese a ter moitos problemas, a día de hoxe os concellos do cambio son fundamentais para ter unha saída aos problemas da cidadanía e básicos para a contribución do cambio histórico ao proceso constituínte de República Federal democrática”.

Nesta rolda de prensa, Eva Solla lembrou outras dúas datas senlleiras no noso calendario. A primeira, o 24 de xullo, cando se cumpren 5 anos do accidente do Alvia. “A día de hoxe vemos como se seguen a obviar as responsabilidades políticas, que dende Esquerda Unida levamos reclamando, e vemos como PP e PSOE poñen trabas a estas investigacións dende o Parlamento de Galicia e despois dende o Congreso, polo que é preciso remarcar a necesidade de xustiza, verdade e reparación para as familias. Outra data é hoxe, 18 de xullo, día do golpe fascista, día onde temos que remarcar a necesidade de pular pola Memoria Histórica, que precisa cumprirse con máis orzamentos e partidas para rescatar ás persoas das cunetas. Outra das demandas é que se abra unha Comisión de Investigación de Corrupción da Casa Real. De termos un cambio de Goberno, que se mostre con feitos e non só con palabras”, remarcou.

Relacionados