Ante o vindeiro proceso de Eleccións Xerais os sectores da poboación máis agredidos durante os últimos dez anos e polos que traballamos nos últimos anos dende o Congreso, precisan unha proposta clara dende a óptica da esquerda que rache cunhas condicións que condenan ás persoas traballadoras, maiores e novas á pobreza e á emigración.
A risco do ascenso da dereita que ameaza con profundar aínda máis no recorte de dereitos laborais e sociais e constitúe un claro elemento reaccionario para os dereitos das mulleres merece das forzas de esquerda unha resposta contundente, que dea continuidade ao traballo que iniciamos no 2015 no Congreso.
Esquerda Unida comenza xa os contactos cos espazos políticos cos que leva traballando xa dende a creación de AGE, coas candidaturas municipalistas artífices de grandes avances da consolidación da unidade popular e na cidadanía e o tecido social de esquerda para que Galicia sexa tamén un muro de contención da triple alianza das dereitas que amenaza cun programa ultra neste proceso electoral.
Esquerda Unida considera especialmente importante artellar ese proceso de refundación da unidade popular en Galicia para que o espazo sirva realmente como motor tamén dos espazos municipalistas porque seguimos a considerar que esencialmente foron os que abriron unha fenda nese muro que o réxime se apresurou a levantar para garantir que a saída da crise fose nun marco claramente de recomposición capitalista.
O documento “O municipalismo no proceso de Unidade Popular e rebelión democrática”, aprobado polo Consello Nacional de Esquerda Unida o 27 de decembro de 2014, enmarcou as eleccións locais nun ciclo electoral que continuaba nos comicios xerais (2015 e 2016) e se prolongaría ate as eleccións autonómicas de 2016, e describía o momento como “unha oportunidade única para disputar a hexemonía ás oligarquías locais, para construir poder popular, para amosar na práctica outras formas de facer política e para constituir os gobernos locais nunha sorte de Xuntas Constituíntes de cara ao novo proceso que debe abrirse despois das eleccións xerais”. Ese obxectivo sigue sendo absolutamente central para a proposta política de Esquerda Unida.
Nese sentido, Esquerda Unida aposta claramente polo diálogo fraterno coas outras forzas de esquerda coas que demos luz á confluencia dos anteriores procesos e á intelixencia e pluralidade das diversas propostas locais nas que participamos para sacar adiante unha proposta que, unha vez máis dende Galicia, pule por defender ás mulleres, aos nosos maiores e á clase traballadora agredida.
O adianto das eleccións ao parlamento, xunto co escenario das eleccións municipais de 2019, obriga a definir e concretar a actuación política de EU que para nós non pode ser outra que recuperar o descrito na declaración de Mazarelos e ser quen de darlle contido ás expresións de pluralidade, proposta alternativa e capacidade política.