Esquerda Unida arranca hoxe na Coruña coas xornadas sobre feminismo baixo o lema: “Feminismo para mudalo todo”

Esquerda Unida vén de organizar na Fundación Once a mesa redonda que leva por título: “Mulleres galegas en contra da Fenda Salarial”, na que participa Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, acompañada de Carmen Adela Sabio, secretaria de Igualdade e Muller de CCOO; Isabel Montenegro, de Kellys Unión Galicia e Dolores Rey, Delegada do SAD (Servicio de Axuda a Domicilio) na Coruña, que abordaron a situación da fenda salarial dende un colectivo especialmente agredido, como é o das camareiras de piso, e dende unha visión sindical.

Segundo explicou Eva Solla, “a fenda salarial entre mulleres e homes, que en Galicia ascende ata o 30%, fai que as mulleres ingresen de media 5.480 euros anuais menos que os homes, só polo feito de ser muller. Isto é un problema grave que afecta, non só aos dereitos económicos das mulleres, constituíndo unha forma de violencia económica; senón que tamén afecta á situación social e aos seus dereitos como individuo”.

“A fenda ten unha orixe derivada da precariedade (somos o 75% das traballadoras que temos un contrato temporal), tamén inflúe que se desvaloriza o traballo realizado polas mulleres en comparación co que fan os homes, así como as dificultades que temos en ascender nun posto ao longo da nosa vida laboral. Finalmente, esta situación non só incide no problema económico, senón que é unha traba para vivir en igualdade e ter un proxecto de vida digno”.

Este acto inaugurou a programación que Esquerda Unida está a levar a cabo co tema central do feminismo co título: “Feminismo para mudalo todo”. A seguinte charla será impartida pola nosa senadora, Vanessa Angustia, o mércores 20 de marzo, en Vigo, e será sobre a situación das traballadoras do mar. A última terá lugar en Ourense, o venres 22 de marzo, co título “Tempo de Traballo Corresponsable, unha proposta para outro modelo igualitario de sociedade”, a cargo da deputada Yolanda Díaz.

Relacionados