Esquerda Unida celebra a apertura de investigación por parte do Parlamento Europeo con respecto á vulneración de dereitos fundamentais no Hospital Psiquiátrico de Conxo

Esquerda Unida presentou hoxe en rolda de prensa a resposta á denuncia presentada a inicios deste 2020 ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre a situación na que se atopan as persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo tras dous informes emitidos polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura.

O Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNPT) organismo responsable de velar polo cumprimento dos dereitos das persoas privadas de liberdade,  “emitiu un informe negativo 2017 ante a situación na que se atopaban as persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo onde se recollen duros incumprimentos dos dereitos fundamentais das persoas ingresadas como son o abuso da sedación química ou contención mecánica” manifesta Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida.

O informe resaltaba eivas importantes tanto de atención aos pacientes como nas propias instalacións. Habitacións despersonalizadas, onde os enfermos non tiñan enseres persoais, instalacións obsoletas, situacións de ingresos de longa estancia sen un correcto sistema para documentar a prolongación de ditas estancias, elevado número de ingresos involuntarios, carencias na alimentación que se producía cada 12 horas, uso abusivo de contención mecánica,  é dicir este informe de 2017, recollía a vulneración de dereitos fundamentais das persoas alí ingresadas.

Ante a non asunción da Xunta de Galicia con respecto ás recomendacións deste informe remitido polo Mecanismo de Prevención da Torura, no 2019 este organismo reitera a solicitude de cumprimento das recomendacións remitidas, “é neste contexto e ante o incumprimento contínuo da Xunta de Galicia, que Esquerda Unida eleva a petición de investigación á comisión de peticións do Parlamento Europeo quen hai uns días comunicou a aceptación a trámite desta investigación”.

A presidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, Dolors Monserrat,  remítese na súa resposta á investigación que o propio Parlamento Europeo está a levar a cabo sobre a situacións das persoas enfermas de saúde mental nesta vaga de Covid, que se están vendo moi afectadas polas restriccións establecidas.

Eva Solla manifesta a preocupación ante o que xa “vén sendo habitual que a Xunta nos últimos tempos incumpra dereitos fundamentais sen ningún miramento e que teñan que ser outras administracións as que veñan chamar a atención sobre estas cuestións, ben sexa o Defensor del Pueblo ou a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo como aconteceu no caso das residencias de maiores que tamén se admitiu a trámite a petición de Esquerda Unida”

Relacionados