Esquerda Unida celebra a aprobación no Congreso da Comisión de Investigación do accidente de Angrois

208 votos a favor e 135 en contra. Este é o resultado da votación dos grupos parlamentarios no pleno do Congreso dos Deputados pola que se aproba unha Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois, a proposta de En Marea co apoio de Unidos Podemos e agora do PSOE, que se opusera inicialmente a celebrar dita Comisión. A posición da Unión Europea, que asegurou nun ditame do Europarlamento que “non se investigara apropiadamente o accidente” foi o que fixo que o PSOE se decantara por apoiar esta Comisión que agora permitirá botar luz ao accidente ferroviario.

Dende Esquerda Unida celebramos que por fin saia adiante a Comisión de Investigación do accidente de Angrois. De feito, un dos obxectivos principais de En Marea, a chegar ao Congreso, fora esclarecer o sinistro de Angrois, un exercicio compricado que o PP se empeñou en botar por terra impedindo depurar responsabilidades políticas e restituir ás vítimas e á sociedade en xeral no seu lexítimo dereito a saber toda a verdade do caso. A loita da Plataforma Vítimas Alvia 04155, que tiveron que acudir a instancias europeas, así como a tenacidade de grupos políticos ou o empeño da cidadanía, fan agora que esta Comisión poida saír adiante para intentar coñecer que pasou realmente.

Agora, o fin desta Comisión de Investigación, que saiu adiante co apoio de case todos os grupos parlamentarios, a excepción do Partido Popular, emperrado en desinformar dende o comezo, é investigar e esclarecer as causas do accidente ferroviario que causou 80 mortos e deixou máis de 150 persoas feridas o 23 de xullo de 2013.

Relacionados