Esquerda Unida celebra o Encontro Programático Municipalista este sábado en Compostela

Esquerda Unida está a celebrar en Compostela o seu Encontro Programático Municipalista no marco dos comicios municipais, con intervencións das concelleiras, dos concelleiros e das e dos alcaldes con ampla experiencia política que, xunto coa militancia activa, participan nunhas xornadas para dar resposta aos problemas de galegas e galegos. Con este encontro procuramos recoller experiencias, ideas e propostas de traballo para a posta en marcha dun Programa real no marco das vindeiras eleccións municipais.

O eixo principal e sobre o que pivotou a xornada foi a fiscalidade municipal e como superar o encorsetamento que a Lei Montoro impón aos concellos, entendendo que o modelo actual está obsoleto e non responde ás necesidades da cidadanía.

Tamén se fixo fincapé en temas básicos respecto ao municipalismo de esquerda, como a necesidade de apostar por políticas municipais que camiñen a prol de creación de emprego de calidade. Tamén da posta en marcha de medidas de cara a facer dos municipios lugares habitables con medidas como o impulso do comercio local, a potenciación dun turismo saudable e de calidade, que respecte o noso patrimonio e que evite a xentrificación, os alugueiros turísticos e a especulación da vivenda.

O urbanismo baixo a nova Lei de Solo e o seu regulamento, unha lexislación que, entre outras cousas, permitiría a introdución de expropiacións dende entidades privadas ou a incidencia que vai ter o cambio na xestión da avaliación ambiental estratéxica previa ás aprobacións dos plans de ordenación municipal. Tamén se abordou a importancia de incluír a perspectiva de xénero no urbanismo, un factor prioritario para un novo modelo de cidade habitable.

Respecto á pobreza, se algo tiñan claro as e os concelleiros é que, de ter garantido o emprego e a vivenda, se pode comezar a traballar en erradicar a pobreza. En Galicia é preciso por en marcha medidas para dar saída ás máis de 600 mil persoas en risco de pobreza, para o que contamos coa experiencia do concello de Ferrol e da Coruña.

Nas mesas estiveron presentes o concelleiro de ACE Lugo, Carlos Portomeñe; a concelleira en Cambre, Olga Santos; a concelleira de urbanismo de Ferrol, María Fernández Lemos; a concelleira de Xustiza Social e Coidados na Coruña, Silvia Cameán; a súa homóloga en Ferrol, Saínza Ruíz; Antón Bouzas, do colectivo “Os Ninguéns” de Vigo; a concelleira de Economía, Facenda e Administración de Compostela, María Rozas; o concelleiro de Ahora Madrid e responsable de políticas económicas de IU, Carlos Sánchez; a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz e o concelleiro de Marea de Vigo e secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez.

Relacionados