A Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, trasladou hoxe en rolda de prensa desde Cangas a resposta recibida do Parlamento Europeo ante a denuncia cursada no mes de xuño pola situación de deterioro no que se atopan as residencias de maiores privadas.
A pandemia da Covid19, puxo en evidencia as consecuencias derivadas dos continuos recortes e privatización dos servizos de atención ás persoas maiores e dependentes. Os déficits na atención aos nosos maiores, motivados pola falta de medios e persoal e tamén a ausencia de cumprimento do deber de inspección por parte da Xunta de Galicia derivou no que foi o foco de maior contaxio e mortes durante a pandemia.
Esquerda Unida tamén denunciou a discriminación que supuxo para persoas usuarias das residencias de maiores a falta de derivación a centros sanitarios nos casos de máis gravidade, onde contarían cos medios e tratamento necesarios para afrontar a patoloxía derivada da Covid19. “Esta privación de dereito incurre – di Eva Solla- nunha violación dos dereitos á asistencia sanitaria das persoas maiores, cuestión que tamén denunciamos no Parlamento Europeo”.
“Cando presentamos no mes de xuño esta denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, levabamos 283 persoas maiores mortas nas residencias de maiores do noso país -a práctica totalidade en residencias privadas- nunha situación que definimos de abandono e vulneración de dereitos fundamentais” matiza Eva Solla .“Desde xuño levamos 84 mortes máis que se suman ás 283, e semella que a Xunta de Galicia non ten feito nada ao respecto”
Unha vez aceptada a petición de investigación por parte do Parlamento Europeo, que á súa vez considerou necesario trasladar esta mesma petición á Comisión de Libertades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior, así como á Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria, permanece aberto o proceso de adhesión por parte da cidadanía que considere apoiar esta investigación.