Hoxe 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, no que se conmemora o 51 aniversario da aprobacións pola Asemblea das Nacións Unidas da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Esquerda Unida lembra que non todas as persoas no noso país están a gozar do completo respecto a todos os seus dereitos inalienables e chama ás institucións de Galicia a traballar para o seu pleno cumprimento.
Neste Día dos Dereitos Humanos de 2020, ponse especial fincapé en que a recuperación post-pandemia se faga tendo por base os dereitos básicos de todas as persoas. As Nacións Unidas observan este día 10 como “unha oportunidade para reafirmar a importancia dos dereitos humanos para construír de novo o mundo que queremos, a necesidade de solidariedade mundial e a interconexión e humanidade que compartimos coma seres humanos.”
É precisamente no marco da crise propiciada pola pandemia de Covid-19 que se teñen incrementado no noso país as denuncias de graves incumprimentos de dereitos básicos e fundamentais de moitas persoas, especialmente aquelas en situación de vulnerabilidade.
Esquerda Unida lembra que durante o confinamento moitos nenos e nenas, sobre todo, aquelas con necesidades especiais sufriron problemas para acceder aos seu dereito á educación (artigo 26 DD.HH.). Igualmente as restricións no acceso á sanidade propiciada pola falta de persoal supuxeron incumprimentos no acceso a dereitos esenciais ao igual que no caso do dereito á asistencia social por parte da administración, dereitos recollidos no artigo 23 que afectan gravemente a aquelas persoas sen recursos sociais nin económicos.
Pero se algún dereito se viu gravemente vulnerado foi o contido no artigo 5 da Declaración que fai referencia a que ningún ser humano será tratado cruel, inhumana ou degradantemente. Os feitos acontecidos nas residencias de maiores do noso país, onde varios centos de persoas faleceron en moitos casos sen a asistencia debida e onde milleiros de anciáns seguen a sufrir en moitos centros privación do contacto coas súas familias, mala alimentación, falla de actividades e mesmo problemas de hixiene, constitúe unha vulneración fragrante dos seus dereitos humanos.
Esquerda Unida quere lembrar que alén da Covid, as mulleres seguimos sen gozar dos nosos dereitos en canto á igualdade (artigo 2) e sufrindo unha violencia machista sen fin que afecta a un si fin de dereitos (artigos 1 e 5). Especialmente dura segue a ser a realidade das mulleres prostituídas e tratadas que ven vulnerado o se dereito a non seren traficadas e mercadeadas contido no artigo 4. Esquerda Unida lembra tamén que casos coma a Carioca, no que recentemente o Defensor del Pueblo vén de admitir unha denuncia contra a inacción da Fiscalía na protección das vítimas de trata, explotación sexual e violencia machista poñen de manifesto o falla de protección de moitas mulleres que incumpre o contido da declaración nos seus artigos 7, 8 e 10.
Esquerda Unida denuncia que as institucións en Galicia, especialmente o Goberno da Xunta, pero tamén Concellos, Deputacións e Institucións da Xustiza, non poden seguir mirando cara outro lado ante incumprimentos coma os relatados e chama a todas elas a traballar para o pleno cumprimento de estes dereitos de xeito universal.