Esquerda Unida condena a desmemoria fronte ao fascismo

Galicia pasou de sufrir 40 anos de escuridade a incorporarse de cheo nunha democracia secuestrada polo salvaxismo falaz do libre mercado e polos monicreques cómplices da dereita galega, primeiro en mans do fraguismo, despois en mans da tecnocracia ultraliberal de Feijóo. Non obstante, non hai democracia sen memoria, e a memoria histórica e democrática non debe estar sometida á manipulación de quen non respecta nin recoñece a verdade, a xustiza e a reparación para todas aquelas persoas enterradas nas “cunetas” deste país.

O acordo tácito establecido, de forma desigual e asimétrica, entre os franquistas e a oposición para entrar en Democracia, o ‘soño da Transición’, supuxo unha grave fenda nas posibilidades reais para Galicia de recoñecer de verdade o seu pasado, reconciliarse consigo mesma e pechar as feridas de sangue esquecido que provocaran os 40 anos de represión.

Un acordo que impide, aínda hoxe, que podamos facer xustiza debido a unha Lei de Amnistía, aprobada en 1977, que foi desvirtuada ate o punto de representar unha Lei de Punto Final. Nada de reparación e xustiza social: sempre emerxía unha escusa para non cumprir con este cometido que nos permitiría avanzar como sociedade democrática.

A néboa da Transición humedeceu e arrefriou de forma maquiavélica as cinzas aínda fumegantes dos valores republicanos. E con elas, a memoria. A entrada en democracia, interesada e perfectamente dirixida polos silenciadores que se ían asentando nos poderes institucionais, empresariais e financeiros, non quería lembrar co pretexto de que “non era o momento”. En realidade, para toda esa caverna nunca é o momento: non queren que se coñezan os nomes e apelidos de moitos verdugos, de moitos perpetradores, de moitos favorecedores… como sabía o poeta Mario Benedetti, “el olvido está lleno de memoria”. E esa memoria silenciada sempre estoura para vergoña nosa, de toda unha sociedade que o permitiu, por acción ou inacción.

Un exemplo recente de desmemoria e vampirización cultural foi o feito por Alberto Núñez Feijóo, coa súa particular ollada sobre o cadro de Castelao, “A derradeira lección do mestre”, que se encadra dentro desta técnica de manipulación e de desposesión do verdadeiro significado e de resignificación, un modus operandi da dereita. Esta manipulación do significado do cadro, evidencia o negacionismo de Feijóo á hora de evitar termos como “represión”, “asasinato” ou “franquismo”.

Se as futuras leccións que reciba a poboación escolar que visite a exposición manteñen unha analoxía discursiva similar á mostrada por Feijóo, a desposesión será completa. Exemplo desta intencionalidade é a información que está na páxina web de emigración da Xunta e de como se describe este cadro: “O tema do mestre asasinado é un dos máis frecuentes da guerra civil española. Iconograficamente responde ao vello tema de encadramento da lamentación ante o corpo de Cristo”.  En ningún momento, se fala sobre o asasinato de Alexandre Bóveda, nin do golpe de Estado ou a cruenta guerra civil, Ditadura ou exilio.

Alexandre Bóveda foi asasinado polos golpistas franquistas o 17 de agosto de 1936 en Poio e o seu corpo vencido representa o asasinato da educación e da cultura en mans da barbarie, algo do que nunca nos recuperamos nin recuperaremos como sociedade se non se concede reparación, xustiza e verdade ás vítimas da barbarie franquista. Dende Esquerda Unida denunciamos este novo ataque á dignidade da memoria, non só de Castelao, senón de todas as persoas que deron a súa vida e loitaron pola legalidade republicana.

FNFF e Meirás

Outro dos exemplos da desmemoria deste país é que aínda exista a Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF), encargada de exaltar á ditadura franquista e ao seu ditador. Ademais do que acontece con esta fundación, consideramos toda unha aldraxe o que estamos a vivir respecto á situación do Pazo de Meirás, que demostra que os herdeiros do franquismo entraron en democracia co pasaporte do negacionismo e da mentira, propias de quen se cre impune e inmune, pois a apoloxía franquista foi legalizada, co beneplácito do PP, para oprobio de todas as persoas que defenderon coa súa vida a legalidade democrática instaurada na Segunda República.

É todo un insulto ter que soportar a actitude destes fascistas que ousan, por riba, negar a realidade histórica e mentir ao converter o que foi espolio e imposición en “doazón voluntaria do pobo”. O Pazo de Meirás foi roubado ao pobo e debe volver ao pobo. Este pazo, un Ben de Interese Cultural (BIC) dende 2008, propiedade ilexítima da familia do ditador e obtido a través da extorsión, úsase para facer apoloxía da figura do máximo responsable do xenocidio acontecido na Guerra Civil.

Por este motivo, dende Esquerda Unida denunciamos ante a Fiscalía estes feitos, por consideralos constitutivos dun presunto delito de odio. Recentemente a Fiscalía vén de arquivar a denuncia presentada pese a existir unha resolución europea que condena o fascismo en Europa e concretamente o franquismo, pero neste estado a amnesia semella perpetua.

Por todos estes continuos aldraxes, podemos afirmar que esta democracia é unha democracia empequenecida, pois non podemos construír futuro sobre as cunetas, a desmemoria e o esquecemento.

Non se pode construír unha democracia real mediante o esquecemento dos crimes de lesa humanidade, como son as persoas asasinadas que precisan emerxer das ‘cunetas’ ou como esa memoria viva, non só de Castelao, senón de todas as persoas que deron a súa vida pola legalidade Republicana. Por elas, aínda a día de hoxe seguiremos a reivindicar a Memoria Viva contra o esquecemento.

Relacionados