Esquerda Unida condena o ataque ao centro de acollida de menores migrantes acontecido esta pasada noite en Monforte de Lemos.
Esquerda Unida cualifica esta acción como un ataque xenófobo e racista. “Isto non fai máis que poñer nunha situación de total vulnerabilidade á mocidade migrante que nin tan sequera ten chegado a Galicia” apunta Lino Costas, Coordinador Nacional de EU.
Para Esquerda Unida, este feito evidencia as deficiencias do modelo de xestión da Xunta para a acollida dos nenos e nenas migrantes é totalmente erroneo.
Compostela, 20 de setembro 2025.
“Ao crear un macrocentro como único recurso de acollida en Galicia para estas nenas e nenos, amosa a absoluta falta de previsión e planificación, pois en troques de establecer diversos recursos de acollida onde pode haber unha máis pronta inserción social e laboral, baseándose nas propias necesidades dos pobos e vilas, a Xunta anuncia a apertura deste macrocentro, reafirmando ideas perigosas da extrema dereita, como a de gueto”, tal e como queda amosado nas declaracións do candidato de VOX, afirmando que esta situación vaille xerar votos” engade Costas.
O ataque aconteceu aos poucos días de anunciar a a apertura do centro, “non sabemos quen foi pero todo apunta a algún tipo de organización de ultradereita que non necesariamente é de Monforte” apunta o Coordinador Nacional.
“É preciso facer unha reflexión colectiva sobre se este e o xeito e o lugar no que queremos dar acollida a estes mozos e mozas. Os dereitos da infancia deben ser unha prioridade para todas as Administracións, non converterse en arma arroxadiza.” conclúe o Coordinador Nacional de EU.







