Esquerda Unida condena os crimes de guerra de Israel sobre o pobo palestino

Desde Esquerda Unida condenamos firmemente os crimes de guerra que está a cometer Israel sobre a poboación civil palestina. Esta última escalada iníciase coa violencia de grupos de colonos de extrema dereita sobre a poboación palestina en Xerusalén e os intentos de expulsar a seis familias palestinas do barrio de Sheikh Jarrah para que as súas casas sexan ocupadas por colonos. Isto responde a un plan cuxo obxectivo é acabar coa presenza palestina en Xerusalén. Nos últimos días, vimos como se incrementou a violencia policial, o exército israelí ocupou a Mesquita da al-Aqsa, e bombardeando a Franxa de Gaza, asasinando a decenas de persoas.

Este novo proceso de expulsión e colonización en Palestina, que é unha clara violación do dereito internacional, desencadeou protestas en todo o territorio. Ante isto, Israel reprimiu as protestas en Xerusalén e outras cidades, ferindo e detendo de forma arbitraria a centenares de manifestantes, e volveu a atacar á poboación da Franxa de Gaza. Como cada vez que hai mobilizacións en Palestina, o Exército israelí impón un castigo colectivo sobre a poboación gazatí e provocou unha nova masacre.

Israel xa mobilizou a 5.000 reservistas para esta operación contra Gaza que foi bautizada como “Gardiáns do Muro”, e prohibiu o paso á Franxa de Gaza para xornalistas, anticipando máis ataques. Isto ocorría días antes do 15 de maio, Día da Nakba, que conmemora a expulsión dos palestinos e palestinas da súa terra en 1948, e no que se producirán importantes mobilizacións en todo o territorio histórico de Palestina e o resto do mundo.

Palestina non pode seguir sendo atacada ante o silencio da comunidade internacional. Desde Esquerda Unida ratificamos o noso compromiso co pobo palestino e a súa resistencia, e esiximos medidas concretas que obriguen a Israel a respectar a legalidade internacional e os dereitos do pobo palestino. Tras décadas de apartheid, este novo ataque confirma que debemos poñer fin á impunidade coa que segue actuando Israel.

📌 Mobilizacións convocadas para hoxe 18 de maio:
Lugo, 20,00 na Praza Maior.
Pontevedra, 20,00 na Praza da Peregrina.
Ourense, 20,00 na Subdelegación de Defensa (rúa do Paseo).
Ferrol, 20,00 na Praza da Porta Nova
A Coruña, 20,30 no Obelisco.
Vigo, 20,00 na farola de Urzáiz

 

Relacionados